A ÁREA SANITARIA DE FERROL REALIZOU PRETO DUN 5% MÁIS DE ACTIVIDADE CIRÚRXICA NO PRIMEIRO SEMESTRE CON RESPECTO DO ANTERIOR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 11 2023

​A Área Sanitaria de Ferrol realizou  preto dun 5% (4,9%) máis de actividade neste primeiro semestre do 2023 en relación co mesmo semestre do ano anterior. Realizáronse un total de 5.342 intervencións cirúrxicas no primeiro semestre do ano. O incremento no caso das cirurxías robóticas é do 7% realizáronse un total de 123, coas vantaxes que teñen para o paciente. O incremento nas cirurxías globais na Área Sanitaria de Ferrol alcanza o 24% se a referencia son as cirurxías que se realizaban no mesmo semestre do ano 2019, antes da pandemia. Estas cifras reflicten o esforzo dos e das profesionais da Área por dar resposta á cidadanía. 

No que se refire ás consultas tamén se produce un incremento xa que son un total de 195.710 as consultas e teleconsultas que se teñen realizado no primeiro semestre do ano 2023, fronte ós 191.911 do primeiro semestre do pasado ano 2022. A actividade Radiolóxica sostense en cifras semellantes, 81.168 este ano e 81.934 o pasado ano, pese a ter pasado por un traslado progresivo que dificultou a actividade diaria. 

Así o explicaba esta mañá o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; acompañado do director asistencial, Luis González Taboada; e do responsable de Admisión, Enrique Díaz López. Ángel Facio explicou á cidadanía a través dos medios e comunicación que os e as profesionais da Área están a desenvolver un Plan de Intensificación da Actividade nos distintos Servizos tanto cirúrxicos como médicos para poder dar resposta ás e ós pacientes. 

O xerente falou tamén da conxugación da complexidade de combinar a actividade para poder volver ás cifras previas á pandemia; a pesar de que o sistema ten mudado trala covid; co desenvolvemento sen interrupción do Plan Director; e a renovación do Plan de Inverno habitual para se enfrontar ós vindeiros meses nos que se incrementan considerablemente as hospitalizacións. Neste senso, destacou o agradecemento ós e ás profesionais, e o obxectivo de tentar mellorar constantemente e seguir a se esforzaren por que a cidadanía non espere máis do necesario.

Demoras medias hoxe na web do Sergas

A Área Sanitaria de Ferrol súmase coa intensificación da actividade ó obxectivo do Sergas para reducir o máis posible a demora media dos pacientes que están a agardar por unha cirurxía, por unha consulta ou por unha proba. A demora media para unha cirurxía na Área Sanitaria de Ferrol sitúase en 48,4 días, a xuño de 2023, tal e como se reflicte nos datos que publica hoxe o Servizo Galego de Saúde na súa web. Esa cifra está moi por debaixo da media galega (65,9) e sitúa a esta Área nas mellores cifras de Galicia neste ámbito. Do total das 2.736 persoas que están a agardar unha intervención cirúrxica na actualidade, o 83% (2.294) agarda menos de tres meses.

No caso das consultas externas, a demora é de 58,3 días, por debaixo da media de Galicia (62,9). Neste ámbito continuase a traballar para acadar e mellora as cifras de demora de antes da pandemia, semellantes a actual (53,4 días).

O responsable da Área Sanitaria de Ferrol subliñou a complexidade do sistema de demoras e  incidiu en que se está a traballar constantemente para facer máis actividade, de maior calidade, e cunha mellor resposta para o paciente da Área. "Con este tema nunca estamos satisfeitos", afirmou.

Prioridade dos e das pacientes

No ámbito cirúrxico e de consultas, destacar tamén a habitual intensificación do traballo das e dos profesionais para segmentar ós pacientes en función da prioridade, e que reciban primeiro asistencia aqueles que máis o precisan, e segundo protocolos e recomendacións das sociedades científicas e criterios sistematizados, clínicos, funcionais, e sociais, como entre outros, a gravidade da enfermidade pola que se ve afectado.  As cifras de demora dos pacientes prioritarios en Ferrol ten sido baixa dende que se iniciou a procura activa destes pacientes con maior prioridade. Os resultados marcados téñense superado unha vez máis en Ferrol: 23,5 días para os pacientes con prioridade 1; e 50,3 días para a prioridade 2. 

A mellora neste senso é significativa xa que baixa en 4 días con respecto ó semestre inmediatamente anterior (27,5 días), na prioridade 1; e 16 días na prioridade 2, xa que o ano anterior era de 66,5 días. O obxectivo do Servizo Galego de Saúde é volver ás cifras de antes do pandemia, cando as actuais xa sitúan a Galicia nun posicionamento destacado a nivel nacional.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde