ADOS PROMOVE UNHA NOVA CAMPAÑA ESPECIAL DE DOAZÓN DE SANGUE COA PARTICIPACIÓN DA FUNDACIÓN RACING CLUB DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 11 2023

A Fundación Racing Club de Ferrol comprométese co solidario xesto da doazón de sangue mediante o desenvolvemento dunha nova campaña especial de doazón en colaboración coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).

A Fundación, co obxectivo de promover a solidariedade da cidadanía e o aumento do número de doazóns de sangue en Ferrol, quere agasallar con entradas a todas as persoas que acudan a doar sangue ata a local permanente de doazón de sangue de ADOS no Hospital Arquitecto Marcide, o mércores e xoves de 8:00 a 15:00 horas e o venres de 8:00 a 22:00; ou ata a unidade móbil que estará o 29 de novembro no Campus de Esteiro, diante da facultade de Enfermaría e Podoloxía, e os días 30 de novembro e 1 de decembro na Praza de Armas, en horario de 15:30 a 21:00 horas.

As entradas permitirán o acceso gratuíto ao Estadio Municipal da Malata, o domingo 3 de decembro, para presenciar o encontro que disputarán o Racing Club de Ferrol e o Albacete Balompé ás 18.30 horas.

Promovendo a colaboración

ADOS salienta a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para acadar unha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue como, nesta nova ocasión, está a impulsar a Fundación Racing Club de Ferrol, xa que poden unir os valores positivos do mundo do deporte á mensaxe da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e transmitila con moita maior proximidade por ter un amplo calado social.

Esta institución sanitaria amosa o seu agradecemento ao constante apoio da Fundación Racing Club de Ferrol a favor do solidario xesto da doazón de sangue na sociedade galega, así como desexarlle ao club ferrolán que acade os mellores resultados deportivos na presente tempada na segunda división do fútbol español, e que xa os ten levado a ser un dos máis destacados equipos da categoría, estando, neste momento, en posto de playoff de ascenso.

Ferrol, cidade solidaria

Por outra banda, ADOS pon en valor o carácter solidario da cidadanía de Ferrol que, no 2022, realizou 3.270 doazóns de sangue, cifra que supuxo obter unha taxa de 51 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, índice que a sitúa por riba das recomendacións da OMS (Organización Mundial da Saúde). En todo caso, a doazón de sangue esixe dun compromiso constante xa que todos os días do ano se precisan entre 400 e 500 doazóns para cubrir as necesidades dos hospitais galegos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde