O SERGAS ACADA NOVE DISTINCIÓNS NO DESAFÍO DA SAÚDE POLO CLIMA 2023 ORGANIZADO POR HEALTH CARE WITHOUT HARM
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 11 2023

O Servizo Galego de Saúde,  por adoptar prácticas de atención en saúde baixas en carbono, implantar estratexias robustas de resiliencia climática e promover políticas que protexan a saúde do planeta, acadou dúas distincións de ouro na edición de 2023 do Desafío da saúde polo clima​ que convoca a organización Health Care Without Harm, nas categorías de liderado climático e resiliencia climática. Ademais, esta organización non gobernamental de nivel mundial entrega ás sete áreas sanitarias galegas cadanseu galardón.

O compromiso da Xunta coa redución da pegada de carbono no sector da saúde, recoñecido desde 2020 no Desafío da saúde polo clima, vese referendado por estes recoñecementos internacionais, que afondan no papel pioneiro do Sergas como único sistema sanitario europeo que participa como socio na Nova Bauhaus Europea -un proxecto que aposta polas construcións sostibles para mellorar a calidade de vida-. Ademais, o Servizo Galego de Saúde é a única administración sanitaria española involucrada nun proxecto da ONU para intentar acadar as cero emisións de carbono nas instalacións sanitarias en 2040. Nesta liña, a sanidade galega ten en marcha outros programas como o Life Resystal, para que as infraestruturas sanitarias sexan resilientes ao clima, ou Plastic Free Health Care Europe 2.0, para a redución de uso de plásticos nos centros hospitalarios.

Os premios entregados nesta edición sitúan a España entre as máis galardoadas do mundo grazas ao Sergas, único sistema sanitario nacional recoñecido en Europa xunto a servizos hospitalarios de Alemaña, Grecia, Polonia e Reino Unido. Valórase así o compromiso de Galicia como referente por liderar o camiño cara a unha atención sanitaria climaticamente intelixente.

No Desafío da saúde polo clima, tamén foron recoñecidas coa medalla de ouro en mitigación climática as áreas sanitarias de Vigo e da Coruña e Cee; co galardón de prata en liderado climático, as de Santiago de Compostela e Barbanza e Lugo, A Mariña e Monforte; e, como parte da cohorte de compromiso climático en atención sanitaria, as áreas de Ferrol, Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e Pontevedra e O Salnés.

Así, Galicia continúa a promover políticas que protexan a saúde pública dos efectos do cambio climático, cunha aposta por un sistema de saúde sostible e circular.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde