O CHUAC OBTÉN O CERTIFICADO DE CALIDADE Q-PEX POLO SEU PROGRAMA DE ATENCIÓN FARMACÉUTICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 11 2023

O Servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña obtivo a Certificación Q-PEX de nivel medio outorgada pola Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria (SEFH), que recoñece a calidade e excelencia do seu programa de atención farmacéutica a pacientes externos.

Este novo selo de calidade baséase nunha norma pioneira a nivel mundial e que proporciona as directrices e os requisitos necesarios para desempeñar as actividades no ámbito asistencial, docente e de I+D+i na Unidade de Pacientes Externos do Servizo de Farmacia Hospitalaria.

A certificación Q-PEX avalía un total de 118 indicadores ou requisitos correspondentes a ámbitos relacionados co contexto, liderado, planificación, xestión dos recursos, atención ao paciente externo en farmacia hospitalaria, investigación, desenvolvemento e innovación, avaliación do desempeño e mellora continua. Con esta acreditación preténdese promover as mellores prácticas en todo o proceso de atención aos pacientes externos entre os servizos de Farmacia Hospitalaria do Sistema Nacional de Saúde (SNS) e incrementar a satisfacción dos usuarios.

Estratexia de mellora continua

O xerente do CHUAC, Luis Verde Remeseiro, sinalou que o Servizo de Farmacia “ten unha ampla traxectoria en programas de mellora da calidade e hai que destacar que a certificación Q-PEX non é un feito illado, senón que responde a unha estratexia clara de xestión enfocada á mellora continua e a excelencia”.

Para Cecilia Martínez, presidenta da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria (SEFH), “esta certificación, pioneira a nivel mundial, situará á SEFH e aos servizos de farmacia como referentes internacionais na atención farmacéutica ao paciente externo”. Pola súa banda, María Costi, directora de acceso ao mercado e relacións institucionais de AbbVie, eloxiou “o valor de traballar de maneira coordinada e conxunta, nun modelo multidisciplinar, para garantir que os estándares de calidade sexan unha realidade nos procesos asistenciais”.

Durante o pasado ano este programa atendeu a un total de 14.690 pacientes (4,6% máis que en 2021) e realizou 53.122 consultas (un 4,95% máis que o pasado ano). O programa de atención farmacéutica a pacientes externos do CHUAC ten como obxectivo contribuír á mellora da saúde do paciente a partir da dispensación e o seguimento farmacoterapéutico mediante unha atención farmacéutica que engada valor ao proceso asistencial e que promova a utilización efectiva, segura e eficiente dos medicamentos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde