O SERVIZO DE TRAUMATOLOXÍA DE OURENSE REFERENTE DOCENTE NA ARTROPLASTIA DE OMBREIRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 11 2023

O Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica do Hospital Universitario de Ourense é referente docente para especialistas do norte do país para afondar nas diferentes técnicas de artroplastia de ombro, un procedemento no que os especialistas de Ourense teñen recoñecido coñecemento e experiencia derivada da alta incidencia das patoloxías dexenerativas que afectan a esta articulación. 

A lonxevidade da poboación de Ourense aumenta a incidencia de patoloxías dexenerativas desta articulación o que converte ao Hospital Universitario nun Living Lab de coñecemento e experiencia clínica, na aplicación das técnicas de recambio articular existentes na actualidade,  que se levan aplicando desde 2007 cunha media de 60 intervencións ao ano e un investimento de 317.340 en 2022. 

A artroplastia de ombreiro, non está tan estendida como as de cadeira e xeonllo; sendo na actualidade unha opción terapéutica consolidada na práctica clínica. A artrose é a principal causa de indicación dun implante de ombro, en concreto a artrose glenohumeral, unha enfermidade dexenerativa da articulación entre a cabeza do úmero e a cavidade glenoidea da escápula, que produce a perda da cartilaxe articular e un endurecemento das superficies óseas que limita a articulación. Outras causas habituais que fan preciso un recambio articular en Ourense son tamén as fracturas complexas, a artrite reumatoide e outras artropatías. 

Referentes en formación de especialistas

Hoxe mesmo o servizo acolle a un equipo do Hospital do Bierzo, formado por dúas especialistas que completarán unha intensa xornada de formación guiada polo doutor Juan Blanco. A xornada versará sobre “planificación” na que o cirurxián realiza a intervención “virtual” previa a operación, decidindo así cal é a técnica e abordaxe que mellor se adapta a cada paciente. Esto é posible mediante a exportación da imaxe adquirida mediante un TAC a unha aplicación, na que os especialistas estudan e practican a intervención, planificando esta en detalle.  

O Dr. Blanco destaca que cando se comezaron a implantar “as súas principais indicacións eran fracturas complexas que non se solucionaban doutro xeito” como da extremidade proximal do úmero,  “pero a alta incidencia da artrose fai que esteamos implantando un gran número de próteses invertidas tamén en fracturas” As próteses “invertidas” de ombreiro están a mostrarse como unha opción eficaz no tratamento da artropatía de ombreiro, asociada a rotura do manguito dos rotadores. 

Existen diversos tipos de próteses de ombreiro, e do mesmo xeito que ocorre coas de cadeira e xeonllo, estas poden ser parciais (hemiartroplastia) ou totais. As próteses totais poden ser anatómicas ou invertidas, que se compoñen dun vástago humeral cunha superficie articular cóncava que se adapta a un componente glenoideo semiesférico, “invertindo” asi esta cavidade que pasa a ser convexa. 

Este tipo de próteses que inverten a anatomía do ombro son cada vez máis habituais entre o perfil de poboación que precisa o procedemento, en Ourense unha muller cunha media de idade de 72 anos. As técnicas precisas para o seu implante requiren pericia que ven da man da experiencia acumulada polos especialistas de Ourense. “Na miña vida profesional debo ter implantado unhas 1.600 neste intenso período de traballo” di o Dr. Blanco.  

As principais complicacións deste procedemento son as infeccións e sobre todo a luxación da articulación. Xunto a técnica e o seguimento para a detección precoz de complicacións é crítica a adecuada e temperá rehabilitación para a consecución duns resultados óptimos, alivio da dor e mellora funcional, como os aspectos máis destacados.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde