A ASF AMOSA TRES PROXECTOS PENSADOS PARA A CIDADANÍA NUNHA XORNADA GALEGA ESPECÍFICA DE HUMANIZACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 11 2023
 Mulleres usuarias do Servizo de Atención Residencial Terapéutica de Aspanaes en As Pontes participan no proxecto de desensibilización Xinecolóxica coa matrona do centro de saúde de As Pontes. Este é un dos tres proxectos que profesionais da Área Sanitaria de Ferrol presentaba esta mañá na Xornada de Humanización da Asistencia Sanitaria de Galicia, que tiña lugar no salón de actos da Consellería de Sanidade en Santiago de Compostela, e no que destacaban a colaboración con esta entidade, tamén presente na xornada desta mañá.

As persoas con Trastorno do Espectro Autista presentan certas características que lle poden producir rexeite á hora de acudir a unha consulta ou exploración médica, incluso ata a más básica, facendo que a atención á saúde sexa más complexa, explican. No caso do ámbito de Xinecoloxía, as proba que se realizan son moito máis invasivas que noutras áreas de saúde, por exemplo a toma de mostras para un cultivo; e as posturas que teñen que adoptar máis estrañas, engaden. Por isto, esta matrona, en colaboración con Aspanaes, deseñou un proxecto de desensibilización xinecolóxica coa fin de aumentar a tolerancia a estas probas médicas e facilitar o acceso de xeito progresivo a este servizo.

O que fixeron foi unha exposición gradual destas mulleres ás distintas probas, e avaliando cada un dos pasos, dende a visita da propia matrona ó centro para que se familiarizaran con ela, ata as aproximacións das pacientes á enfermaría, á consulta real da matrona. Este programa respecta o ritmo natural de cada usuaria; e conta coa colaboración dun equipo multidisciplinar, matrona, psicóloga, logopeda, e terapeita ocupacional. 

Fanse avaliacións concretas, contan con fichas específicas e estandarizadas para cumprimentar, e teñen apoio pictórico con cada unha das accións ordinarias que se levarán a cabo na consulta xinecolóxica. Na actualidade, o 28% destas mulleres cunha media de idade de 37 anos xa teñen logrado satisfactoriamente cumprir cos obxectivos do programa. Do resto, o 72% de usuarias que o continúan, o 43% xa ten superado a desensibilizacion pasando da súa propia residencia á consulta da matrona, exemplifican como resultados da actividade presentada.

Destacan igualmente neste encontro que, ademais de ofrecer unha atención máis achegada a estas mulleres, é tamén unha oportunidade para o sistema de saúde, xa que permite ós profesionais sanitarios coñecer e comprender as características específicas destas pacientes, e desenvolver novas formas e ferramentas de atención. 

Información útil para a saúde na web www.ferrol.sergas.gal

Por outra banda, os profesionais da Área Sanitaria ferrolá presentaron tamén os cambios realizados por Calidade en colaboración con diversos profesionais, no apartado de 'Información para a miña saúde' da web propia da Área Sanitaria ferrolá, www.ferrol.sergas.gal. Enriquécese dándolle máis presenza ás asociacións de pacientes; ós dereitos e deberes da cidadanía; ou ás guías de instrucións previas. Actualízanse as guías de atención ó usuario, incluíndo unha ficha para avaliar as fontes de información de saúde en Internet. Igualmente, aglutínase a información actualizada dos cribados preventivos, da lactación materna, ou sobre dietas. 

Inclúense tamén diversos folletos e recomendacións, por exemplo para automedición da presión arterial ou para o coidado do paciente inmobilizado; e instrucións e recomendacións para pacientes traumatolóxicos, como exercicios para a mellora de doenzas, fracturas e postoperatorios, entre outras moitas. Dentro das instrucións para pacientes, figuran tamén información que facilita o labor do profesional e o acceso á información do paciente incorporando referencias á realización de probas, como é caso de mostras de ouriños, feces, ou esputos. Por último, ofrécense ligazóns saudables de interese. 

Unidade de Hospitalización Psiquiátrica máis humana

O terceiro dos proxectos presentados nesta xornada galega específica de humanización contan a remodelación dos espazos comúns da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que se materializa na creación dunha sala multiusos, dun patio con terraza anexa, e na adquisición de camas hidráulicas, que faciliten o acceso de forma autónoma ós pacientes máis maiores. Trátase de mellorar as relacións sociais nunha unidade que xa tiña sido pioneira en España na creación dunha Unidade de Hospitalización de agudos con portas abertas. 

Os e as profesionais de Psiquiatría, en colaboración coa Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía; e cos Servizos de Mantemento e Subministracións da Dirección Xeral de Recursos Económicos da Área, teñen en conta a evidencia da influencia do medio na recuperación dos pacientes, mediante a incorporación de espazos amables e confortables para alcanzar un impacto positivo no benestar emocional e físico e eliminar factores estresantes. Habilitan así eses novos espazos que permiten a socialización e realización de actividades saudables en caso de estadías longas, creando estruturas especialmente deseñadas para un entorno normalizado e seguro para pacientes e profesionais.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde