O DIRECTOR XERAL DE ASISTENCIA SANITARIA DA CONSELLERÍA DE SANIDADE DESTACA AS VANTAXES DA ROBÓTICA NA CIRURXÍA ORTOPÉDICA NA SÚA VISITA AOS QUIRÓFANOS DO CHUAC
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 11 2023

Os quirófanos de traumatoloxía e cirurxía ortopédica da área sanitaria da Coruña e Cee acaban de poñer en marcha un novo robot cirúrxico no que se invertiron 1,5 millóns de euros. Así o destacou o director xeral de Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade, Jorge Aboal, na visita que realizou recentemente aos quirófanos do CHUAC.

A utilización do sistema de cirurxía robótica para a substitución de xeonllo e de cadeira demostrou ser a máis vantaxosa para o doente comparadas coas técnicas manuais, supoñendo unha maior exactitude e precisión á hora de planificar a posición e o tamaño do implante, ademais de supoñer menor sangrado durante a cirurxía, menor dor postoperatoria, menor tempo de recuperación e de estancia hospitalaria e unha diminución das complicacións.

A artroplastia total de cadeira e a artroplastia total de xeonllo son, actualmente, dous dos procesos cirúrxicos de máis alta prevalenza en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, demostrando ser altamente efectivos á hora de mellorar a dor e a calidade de vida dos doentes con patoloxía dexenerativa ou inflamatoria de ditas articulacións.

Un dos aspectos máis difíciles da cirurxía de substitución de articulacións é colocar os compoñentes individuais da articulación artificial na mellor aliñación posible para que encaixen e funcionen sen problemas. Polo tanto, o obxectivo principal dos dispositivos robóticos é de prover ao cirurxián dunha ferramenta específica para executar, de forma exacta, os cortes óseos de acordo cunha precisa planificación cirúrxica previa, conseguindo así restablecer a cinemática e o balance de partes brandas do xeonllo primitivo. O brazo robótico proporciona retroalimentación táctil, visual e auditiva para axudar ao cirurxián a lograr a orientación desexada, o que pode mellorar a estabilidade e mobilidade.

Esta iniciativa enmárcase dentro das actuacións financiadas ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid.

A Xunta inicia así a extensión ao campo da cirurxía ortopédica dos avances en cirurxía robotizada que, desde 2021, se puxeron á disposición dos profesionais do Sergas para intervencións de uroloxía, xinecoloxía, cirurxía xeral e dixestiva, otorrinolaringoloxía ou cirurxía torácica.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde