A ÁREA SANITARIA DE FERROL INCORPORA A IMPRESIÓN 3D PARA INVESTIGACIÓN, DOCENCIA E DIVULGACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 11 2023

A Área Sanitaria de Ferrol mercaba a principios do presente ano unha impresora 3D por máis de 8.000 euros que está emprazada na Unidade de Soporte e Coñecemento, no andar baixo do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Na actualidade, hai un grupo de traballo formado por profesionais de diferentes especialidades que se ocupa da implantación e regularización desta actividade e de lle sacar o mellor partido posible no eido sanitario. 

Na actualidade, os elementos creados neste ámbito na Área Sanitaria de Ferrol teñen como obxectivo básico a investigación, a docencia e incluso o carácter divulgativo como método de información para os pacientes, por exemplo, exemplo, amosarlles diversas partes da súa lesión ou para poderlles explicar afectacións ou patoloxías, fracturas de ósos, e as intervencións que se lle van realizar, entre outras moitas cuestións. 

Impresión 3D na Área Sanitaria de Ferrol

Así, a Área Sanitaria de Ferrol vén de se incorporar á impresión 3D neste ano, que é unha tecnoloxía de fabricación aditiva na que o material se distribúe de maneira prediseñada capa a capa, para construír un modelo 3D físico que reflicta a anatomía do paciente. Require converter, mediante software, as imaxes de resonancia magnética (RM) ou tomografía computerizada (TC) nun modelo virtual 3D e, se é necesario, realizar unha adecuación do mesmo e unha conversión do linguaxe máquina para que as impresoras poidan reproducilo. 

Así se destaca no documento que elaboraron conxuntamente os integrantes do mencionado grupo de traballo formado por membros dos departamentos de Procesos de Soporte, de Sistemas e Tecnoloxías da Información, de Humanización e Calidade, de Enfermaría, e de Servizos clínicos como Radioloxía, Traumatoloxía ou Otorrinolaringloxía. 

Na Área Sanitaria de Ferrol, como se dicía, estase a iniciar a utilización da impresión 3D con fins formativos e de investigación, e todo isto require do establecemento de procedementos que permitan garantir o uso axeitado das instalacións e do equipamento do que se dispón para a impresión 3D e para fabricar o modelo fisicamente, co que se están xa a regular todas estas cuestións. A día de hoxe, os Servizos Hospitalarios que máis se están a achegar a esta técnica son Traumatoloxía, Otorrinolaringoloxía, Cardioloxía, e Cirurxía con modelos de mostra para a súa rutina asistencial diaria.

Formación Impresión 3D na ASF

Relacionado con todo isto, unha trintena de profesionais acoden esta tarde ás Aulas de Simulación da Área Sanitaria de Ferrol para unha sesión formativa sobre a Introdución á impresión 3D, Aplicación no ámbito sanitario, Beneficios e Limitacións; e, tamén, demostración da análise de resultados, impartidas por Juan Carlos Becerra Permuy, técnico de apoio á investigación en Citeni, no Campus de Esteiro.

Esta xornada establécese no marco do Convenio trilateral entre a Universidade da Coruña (UDC); a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a través do Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e Deseño (CIS Ferrol); e o Servizo Galego de Saúde, a través da Área Sanitaria de Ferrol (ASF), con interese en colaborar para a realización de proxectos de innovación e investigación conxuntos, e que se asinaba este pasado outubro.

Curso específico de novos materiais CIS

Por outra banda, os e as profesionais de Ferrol están convocados tamén se o desexan esta mañá ó CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol, para unha xornada de traballo organizada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, e que constará de dúas partes: unha expositiva e outra práctica. Neste encontro, axentes relevantes do sector están a dar a coñecer novas tecnoloxías baseadas no emprego de materiais avanzados que axudarán a obter dispositivos capaces de contribuír ós retos que se presentan no contexto actual no ámbito da saúde. 

Os novos materiais están chamados a ofrecer solucións para as necesidades da medicina rexenerativa, o desenvolvemento de dispositivos de diagnóstico ou a hixienización de espazos sanitarios e públicos, e trátase de coñecer todas esas posibilidades e aplicacións presentes e futuras. 

Como indican dende a Subdirección de Sistemas de Información, con ámbalas dúas actividades formativas “trátase de que haxa a máxima colaboración entre entidades, para acadar un maior coñecemento, e iniciar novos retos”.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde