A ÁREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE GALARDOADA CO PREMIO +10 HOSPITAIS POLO PROGRAMA DE SAÚDE DE GLASGOW
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 12 2023

A obtención deste premio destaca o compromiso activo da Area Sanitaria da Coruña e Cee coas estratexias, obxectivos e metas establecidas ao longo do último cume do clima da COP26 de Nacións Unidas.

Este recoñecemento permite á Área Sanitaria dar a coñecer as súas accións, e que a través deste proxecto innovador "Anestesia sustentable e pegada de carbono", ten como obxectivo avaliar o impacto ambiental relacionado co uso de gases anestésicos nos hospitais da Área Sanitaria da Coruña e Cee.

A finalidade da proposta dos premios “Sanidade polo Clima +10 Hospitais polo Programa de Saúde de Glasgow” é a de que o sector sanitario, no seu conxunto, se sume ao cambio e contribúa a acadar os obxectivos climáticos de España, recoñecendo os proxectos en materia de descarbonización mais innovadores dos centros sanitarios, servindo así de exemplo e inspiración a outros hospitais que queiran avanzar nesta dirección.

Orixe do proxecto gañador

A análise en profundidade da pegada de carbono nos nosos centros sanitarios, detectou que entre un 81-84% correspondía ás emisións directas e delas aproximadamente un 41% correspondía aos gases anestésicos.

Xorde así o proxecto “Anestesia sustentable e pegada de carbono”, que foi presentado nesta segunda edición dos +10 Hospitais polo Programa de Saúde de Glasgow.

No proxecto establecéronse actuacións para realizar un modelo completo de avaliación do impacto ambiental do proceso de anestesia xeral inhalada, que contempla todos os aspectos ambientais do proceso de anestesia. Uso de funxibles e accesorios de paciente, xunto coas súas embalaxes e cadeas de subministración, gases frescos, enerxía consumida, así como a cantidade e tipo de gases anestésicos, e a tecnoloxía-equipamento necesario.

Isto que supón ampliar o enfoque, introducindo cambios que van máis aló das actividades de xestión, que tradicionalmente estiveron vinculadas á mellora da pegada ambiental nas institucións de saúde e fan necesario comprometer activamente aos profesionais clínicos neste enfoque.

Para reducir a pegada de carbono na nosa práctica diaria deseñouse unha estratexia de sustentabilidade que contempla, entre outras accións, as de formar aos profesionais no uso da tecnoloxía e da cultura ambiental; sen esquecer medir, divulgar e comparar os resultados obtidos.

Todo isto co fin último de dar ferramentas ao profesional para que sexa capaz de decidir, valorando como a súa práctica clínica pode condicionar e contribuír á diminución da pegada de carbono e  axudándolles a tomar conciencia dos impactos ambientais das súas decisións e accións médicas, para buscar maneiras de reducir a pegada ambiental da atención médica.

Este innovador proxecto desenvolveuse coa participación dos servizos de Anestesia e Reanimación, Xestión Ambiental e Equipamentos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde