PLANS LOCAIS DE SAÚDE: IMPULSAR A PRIMARIA INTEGRANDO AOS CENTROS DE SAÚDE NO TECIDO SOCIO SANITARIO E NA COMUNIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 12 2023

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, visitou esta mañá o Centro de Saúde de Sada, onde mantivo unha reunión de traballo cos seus responsables, para avaliar e recibir as súas achegas sobre o desenvolvemento dos Plans de Saúde Local implantados nos servizos de Atención Primaria.

Os Plan locais de saúde son instrumentos vivos, abertos e participativos que facilitan o desenvolvemento dun novo modelo de atención primaria, con vocación pola comunidade, na que se prima a integración do Centro de Saúde no tecido social, coñecendo ás asociacións de veciños, ás farmacias comunitarias, aos colexios e ás residencias sociosanitarias, ademais dos servizos dispoñibles nos barrios e os concellos para, entre todos crear sinerxias de protección e coidado da saúde.

A directora destacou o intenso papel na promoción da saúde comunitaria das e dos profesionais de Atención Primaria da Área da Coruña e Cee e subliñou o valor dos plans de saúde para “servir de guía tanto na planificación de medios e, moi especialmente, potenciar o valor do equipo, destacando fortalezas, como a de potenciar o papel da primaria como referentes do coidado e seguemento dos pacientes crónicos”. 

Ao encontro mantido no Centro de Saúde de Sada esta mañá coa xefa de servizo, Concepción Garrido Villarino, coa coordinadora de enfermería, Mª Jesús García Rodríguez, e co responsable de farmacia, Rafael Ramos Montes, asistiu tamén a directora de Atención Primaria da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Concepción Blanco Sánchez.

Análise dos Servizos de Atención Primaria

Segundo sinalou a directora xeral, os Plans Locais de Saúde son o mellor reflexo da saúde dos veciños de cada territorio, así como a mellor guía para planificar toda acción que poida mellorar a calidade de vida da súa poboación de referencia”.

Cada Plan inclúe un conxunto de accións, definidas por parte dos responsables dos servizos de atención primaria. Ademais, cada Área Sanitaria adquire un compromiso para facilitar o logro dos obxectivos propostos. Xunto a elo os resultados obtidos e as accións de mellora son obxecto de seguimento e medición periódica.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde