O CONCURSO DE MÉRITOS CONVOCADO POLA XUNTA PERMITIRÁ CUBRIR DE XEITO ESTABLE 7 PRAZAS NA ATENCIÓN PRIMARIA DA MARIÑA NAS VINDEIRAS SEMANAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 12 2023
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou no Parlamento de Galicia, a preguntas dos grupos da Cámara, que nas vindeiras semanas se incorporarán con praza fixa sete profesionais de atención primaria na comarca da Mariña.

Grazas á Lei de medidas extraordinarias para prazas sanitarias de difícil cobertura, ocuparase unha praza de medicina de familia nos centros de saúde de Viveiro, Burela e O Vicedo, respectivamente; dúas de pediatría en Viveiro e unha praza de pediatra a maiores en Mondoñedo e Cervo. En resposta aos grupos parlamentarios nacionalista e socialista, o conselleiro remarcou que “agora, cando saben perfectamente que estamos a semanas de que se incorporen eses novos profesionais por ese sistema de postos de difícil cobertura ao que vostedes votaron en contra, levan á Mariña aos seus candidatos” preocupándose polo tema. Así, Comesaña replicou as acusacións de falta de estabilidade do persoal médico coa oferta de prazas en propiedade por concurso de méritos.

Polo tanto, a incorporación dos sete profesionais da sanidade pública galega aos centros de atención primaria da Mariña producirase en canto se publiquen as puntuacións definitivas do concurso e se realice o proceso de elección de praza.

A solución promovida polo goberno da Xunta para cubrir prazas de difícil cobertura, segundo lembrou o conselleiro de Sanidade, serve para compensar un problema de nivel nacional que require solucións estatais. Por iso, o Goberno galego remitiulle unha carta á nova ministra de Sanidade demandando que se adopten as medidas que a Xunta leva anos demandando, xunto con outros gobernos autonómicos e xunto coa maioría do Congreso dos Deputados, a pesar do voto en contra de PSOE e BNG. Así mesmo, Comesaña agradeceu que a ministra García asumise que as competencias para volver dispoñer de profesionais sanitarios son do Ministerio. Mentres, a Xunta seguirá a aprobar medidas extraordinarias para que, dentro dese contexto de déficit de especialistas, podan ser cubertas canto antes as prazas vacantes, como é o caso da atención primaria da Mariña.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde