A XUNTA COLABORA NO DESENVOLVEMENTO DUN ESTUDO DE INVESTIGACIÓN DIRIXIDO A MELLORAR A SAÚDE DA POBOACIÓN GALEGA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 12 2023


O Consello da Xunta aprobou esta mañá a sinatura dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Profesor Novoa Santos, coa que completa a participación das tres fundacións de investigación sanitaria de Galicia no desenvolvemento do programa Cohorte IMPaCT na nosa comunidade. 

Dotados con senllas partidas de 116.666 euros, o Executivo galego apoia o Programa Cohorte IMPaCT (Infraestruturas de Medicina de Precisión asociada á Ciencia e á Tecnoloxía), un proxecto cuxo obxectivo principal é avanzar no coñecemento sobre as principais causas de diversas patoloxías, e así predicir a súa aparición.

Así, tras as sinaturas co Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e a Fundación Biomédica Galicia-Sur (IISGS), a sinatura coa Fundación Profesor Novoa Santos, completa a distribución dunhas achegas económicas que se aproximará aos 350.000 euros. 

O programa Cohorte IMPaCT, que conta co financiamento do Instituto de Saúde Carlos III e os fondos europeos (Feder), recrutará en Galicia a2.000 persoas, uns participantes aos cales se lles realizará un seguimento ao longo de 20 anos, mediante a realización de enquisas de saúde, probas físicas ou toma de diversas mostras cada 5 anos, aproximadamente.

No caso da área sanitaria da Coruña-Cee, o proxecto desenvolverase no centro de saúde San José, onde se levarán a cabo as actividades indicadas polo CIBER (Consorcio Centro de Investigación Biomédica en Rede) e o Servizo Galego de Saúde.

Deste xeito, Cohorte IMPaCT seleccionará 4.000 participantes en cada área sanitaria (Santiagode Compostela-Barbanza, A Coruña-Cee e Vigo), definindo un grupo de persoas representativo da poboación galega, ademais de ter en conta a variabilidade étnica e a diversidade xeográfica e ambiental.

Mediante a realización de enquisas, diferentes probas antropométricas, exploracións cardiovasculares, de audición, orais, cribados de diabetes, test cognitivos ou analíticas de sangue, feces, ouriños e uñas, búscase mellorar a comprensión das causas das principais enfermidades e condicións de saúde, aumentar o coñecemento dos efectos sobre a súa de múltiples factores (estrutura social e económica, xénero, ocupación e condicións laborais, contorno física, ambiente microbiano ou factores psicolóxicos e estilo de vida), predicir o risco de enfermidade e identificar biomarcadores de enfermidade subclínica ou en fases iniciais.

Grazas aos datos que se obteñan deste estudo, desenvolveranse modelos preditivos que se usarán en medicina preventiva de forma individualizada e personalizada en función das características ambientais do lugar de residencia ou da posición socioeconómica de cada paciente. Isto axudará ao diagnóstico precoz das principais enfermidades e a mellorar as estratexias terapéuticas mediante o tratamento especializado.​

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde