XUNTA E UNIVERSIDADE DE VIGO ASINAN UN CONVENIO PARA ESTENDER O USO DAS INSTITUCIÓNS SANITARIAS Á DOCENCIA DO MÁSTER EN ENXEÑARÍA BIOMÉDICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 12 2023

O Consello da Xunta deu o visto e prace esta mañá, na súa xuntanza semanal, a un novo convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Vigo para a utilización das instalacións sanitarias na realización de actividades docentes do máster en Enxeñaría Biomédica. Así, o Executivo galego achegará unha partida económica de 75.134 euros, que se distribuirá nunhas achegas anuais de 18.783 euros durante os vindeiros catro exercicios.

Desde o ano 2021, os estudantes do grao de Enxeñaría Biomédica xa levaban a cabo unha parte da súas actividades formativas nas instalacións do Servizo Galego de Saúde. Agora, mediante este acordo entre o Sergas e a Universidade de Vigo, posibilitase a extensión do seu uso tamén para o alumnado que cursa os estudos de máster desta especialidade.

Xunto con esta ampliación no uso das infraestruturas sanitarias, o convenio asinado ten como obxectivos principais, por unha banda, cofinanciar (50%) o custo vinculado á creación e ao mantemento da figura de coordinador do ámbito na Enxeñaría Biomédica, e, por outra banda, promover a oferta de prazas para a incorporación de estudantes en prácticas e a realización dos traballos fin de máster (TFM) nos centros asociados pertencentes a Área Sanitaria de Vigo.

A colaboración estará orientada á formación do alumnado en materias como: Estrutura e Patoloxía Médica, Estrutura e Patoloxía Médico-Cirúrxica, Enxeñaría Clínica e Hospitalaria, “Fundamentos de Tecnoloxía Hospitalaria ou Prácticas de Tecnoloxía Hospitalaria. 

A enxeñaría biomédica é unha ciencia interdisciplinaria baseada na medicina, na bioloxía e na enxeñaría, e é fundamental para unha gran variedade de tecnoloxías sumamente innovadoras e produtos ou procesos do sector da asistencia sanitaria. Así, a participación activa dos profesionais sanitarios na docencia supón un estímulo importante para a súa actualización e formación continuada, o que redunda nunha maior satisfacción dos profesionais e nunha mellor atención aos cidadáns.

A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo comparten o obxectivo común de contar cunha formación sanitaria avanzada, integral e de alto nivel. 

Por este motivo, ambas as institucións reforzan, unha vez máis, a súa colaboración e lle dan continuidade ao traballo conxunto que xa desenvolvían no grao en Enxeñaría Biomédica, ao incorporar a figura do coordinador do ámbito na enxeñaría biomédica, e a ampliación do uso das instalacións sanitarias por parte do alumnado de máster desta especialidade.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde