O SERGAS DESEÑA PLANS INDIVIDUALIZADOS POR ESPECIALIDADES PARA OS PACIENTES DE DANO CEREBRAL ADQUIRIDO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 12 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou hoxe o novo Proceso Asistencial Integrado para o dano cerebral adquirido, que, -tal e como detallou o máximo responsable do Sergas-, inclúe Plans Individualizados de Atención de cada un dos especialistas que deben atender ao doente, así como un Plan Individualizado de Atención global, que o profesional responsable poida ir revisando. 

O acto contou, así mesmo, coa presenza do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria  da Consellería de Política Social e Xuventude, Antón Acevedo, a quen o titular da carteira sanitaria agradeceu a colaboración do seu departamento para a elaboración deste proceso asistencial. Tamén asistiron á presentación, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, e a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez.

O Servizo Galego de Saúde considera fundamental o coidado da información que se transmite ás persoas afectadas e á súa contorna, establecendo neste proceso asistencial un profesional de referencia como responsable do mesmo dende o inicio. Tamén definiu un protocolo de seguimento por parte de atención primaria para aqueles pacientes que teñan secuelas leves ou moderadas, garantindo unha adecuada continuidade de coidados.

Neste novo proceso, que ten entre os seus obxectivos ofrecer ferramentas para que  estas persoas e os seus familiares e coidadores poidan xestionar a súa situación da forma máis autónoma, Comesaña explicou que se especificaron as características do que se considera un tratamento intensivo e o tipo de paciente ao que se lle debe aplicar. Os mesmos parámetros foron definidos para o tratamento non intensivo e a abordaxe das secuelas.

Tamén se definiron os criterios para as persoas afectadas que se atopen hospitalizadas, en seguimento ambulatorio ou en situación crónica. 

Todos estes parámetros permitirannos, -subliñou o conselleiro-, ofrecer unha maior calidade na prestación do servizo e conseguir unha maior equidade.

Colaboración de profesionais de todas as áreas

Na súa intervención no acto, o máximo responsable da sanidade pública galega dixo que para a realización deste proceso asistencial, o Sergas contou con profesionais das sete áreas sanitarias galegas e expertos en diversas especialidades. Tamén se inclúe neste grupo o tecido asociativo e representantes da Consellería de Política Social.

Tamén incidiu Comesaña en que, no pasado ano, un total de 6.677 pacientes foron dados de alta en Galicia con diagnóstico de hemorraxia e infarto cerebral, traumatismo intracranial ou outras enfermidades cerebrovasculares, e en máis de 1.500 destas persoas, persisten as alteracións na fala. Por este e outros motivos, o conselleiro remarcou que é necesario que as actuacións sanitarias se realicen nos primeiros momentos, co que hai maiores posibilidades de diminuír as secuelas permanentes destes pacientes.

Para rematar a súa intervención, o titular sinalou que coa presentación deste proceso asistencial confírmase a aposta que a Xunta está a facer por este tipo de procesos, consolidando un modelo de verdadeira atención integral, de coordinación e continuidade asistencial, e no que o centro sempre sexa o paciente.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde