A XUNTA INICIA A REFORMA DAS URXENCIAS DO HOSPITAL VIRXE DA XUNQUEIRA CUN INVESTIMENTO DE 1,1 M€
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 12 2023

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, visitou hoxe o Hospital Virxe da Xunqueira, en Cee, con motivo do inicio da reforma das urxencias deste centro sanitario da rede do Sergas. Nestas obras, a Xunta ten previsto investir 1,1 millóns de euros. Neste acto, no que a xerente estivo acompañada polo xerente da área sanitaria, Luis Verde, a responsable do Sergas visitou as obras e os puntos de atención móbil instalados para dar apoio ao hospital durante os traballos.

Na súa intervención, Estrella López-Pardo, remarcou que, co inicio desta obra, “a Xunta cumpre o compromiso de executar actuacións de reforma e mellora en todos os hospitais da rede sanitaria pública galega nestes últimos catro anos”.

Tal e como detallou a xerente, cando rematen estas obras, “as urxencias de Cee contarán cun circuíto específico permanente e independente para a atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias”. Ademais, incorporarán un novo control de enfermería para ese dobre circuíto. 

Xunto ao anterior, as urxencias engadirán aos actuais sete boxes de observacións e ao único existente para pacientes illados, outros cinco boxes, todos eles preparados para pacientes illados. Tamén incorporarán unha nova sala de traballo médico e unha nova sala de traballo de enfermería, e engadirán novos aseos para pacientes e para o persoal, así como un dormitorio para o médico de garda.

A responsable do Sergas incidiu en que, para dar apoio ao hospital durante as obras, o departamento sanitario galego desprazou a Cee os dous puntos de atención móbil dos que dispón, “perfectamente equipados para a prestación asistencial, e que estarán a disposición do persoal”.

Importancia dos hospitais comarcais

Na súa intervención no acto, Estrella López-Pardo, remarcou que os hospitais comarcais  centraron a atención do Sergas non só en materia de realización de obras, senón, tamén, en equipamento e persoal. Así, todas as compras centralizadas de equipamento e tecnoloxía sanitaria que levou a cabo o departamento sanitario galego tiveron en conta as necesidades dos hospitais comarcais. En concreto, a xerente do Sergas dixo que este hospital de Cee incorporou, nestes catro anos, novo equipamento por valor de 800.000 euros. Entre ese aparataxe citou un TAC, e sistemas de anestesia e ecógrafos para urxencias e xinecoloxía.

No apartado de persoal, o Goberno galego aprobou unha lei para convocar prazas en hospitais comarcais por concurso de méritos, sen necesidade de oposición, “o que supón un incentivo moi importante para traballar en hospitais como o de Cee”. A xerente sinalou que o primeiro concurso convocado con esta lei incluíu oito prazas para este centro, 2 de anestesia, 2 de oftalmoloxía, 2 de xinecoloxía e 2 para urxencias. Este proceso está xa nos últimos trámites, e  a responsable do Sergas dixo que “nas vindeiras semanas publicaranse as puntuacións definitivas para que os aspirantes poidan elixir por orden de puntuación entre as prazas ofrecidas”.

En consecuencia, -proseguiu Estrella López-Pardo-, “en xaneiro teremos oito prazas cubertas de xeito fixo por novos especialistas médicos que virán exercer ao Hospital de Cee, e que teñen o compromiso de estar aquí un mínimo de dous anos”.

Para rematar a súa intervención, a responsable do Servizo Galego de Saúde dixo que “a Xunta está a tomar medidas importantes para garantir a atención nestes hospitais e mellorala”. Ao respecto, o Executivo galego acaba de aprobar unha Estratexia Galega de Saúde ata 2030, na que se establece que a proximidade ten que ser un valor fundamental no futuro do sistema sanitario, “sendo os hospitais comarcais os que posibilitan seguir logrando que o 85% dos galegos se atopen a menos de 30 minutos do seu hospital de referencia”, -concluíu a xerente-.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde