TRES FACULTATIVOS INCORPORARANSE NAS PRÓXIMAS SEMANAS AOS DISTINTOS CENTROS DE ATENCIÓN PRIMARIA DA AREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 12 2023

O Diario Oficial de Galicia, na súa edición de hoxe, publica a relación de 72 persoas aspirantes definitivamente seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso de méritos, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo na categoría de facultativo especialista de atención primaria. Ademais, publícanse as súas puntuacións para proceder á elección de prazas de difícil cobertura desde o vindeiro luns 18 de decembro.

Na área sanitaria da Coruña e Cee, os 3 novos profesionais que se incorporarán nas vindeiras semanas ás prazas de difícil cobertura nos distintos centros de Atención Primaria (Arteixo, Laxe e Vimianzo), contribuirán a garantir a cobertura dos PAC ao realizar gardas nos Puntos de Atención Continuada, proporcionando unha atención sanitaria estable e de calidade a todos os cidadáns de concellos que levaban tempo sen médico fixo.

A estas 3 novas prazas hai que engadir as 9 que foron cubertas o pasado mes de outubro de 2022.

Esta categoría, prazas de difícil cobertura nos centros de Atención Primaria, foi creada no artigo 35 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia, e se caracteriza fundamentalmente por unha maior xornada e unha prestación de servizos mixta nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada.

A propia lei dispuxo que, “coa finalidade de diminuír o moi grave déficit de persoal médico de familia mediante a incorporación urxente do primeiro grupo de profesionais da nova categoría”, se tramitara este proceso selectivo polo sistema de concurso.

Neste proceso selectivo por concurso se esixe a incorporación efectiva ao servizo activo no posto adxudicado co fin de garantir que esta oferta extraordinaria de emprego produza o resultado que a xustifica.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde