PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL COLABORAN CON PÁRKINSON FERROL A TRAVÉS DA FOTOGRAFÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 12 2023

​Un ano máis os e as traballadoras da Área Sanitaria de Ferrol converten o Nadal nunha época de solidariedade. Nesta ocasión, desenvolven un proxecto que non se fixera ata o de agora. A iniciativa parte do grupo de  Fotografía da Asociación Deportivo Cultural da Área Sanitaria de Ferrol (Adecasfe). Os e as artistas colaboradoras e voluntarias da Área, moitos integrantes do curso de Fotografía que desenvolve a Asociación e imparte o fotógrafo Eloy Taboada, realizan e ceden fotografías para que se poidan vender. Nesta ocasión, o acadado irá destinado integramente á Asociación Párkinson Ferrol.

Así, a Asociación fixo un chamamento para que calquera persoa da Área puidera ceder as súas imaxes para esta venda benéfica. Na actualidade, e ata o 15 de xaneiro, pódense ver as fotografías cedidas no corredor principal do andar baixo do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Todas teñen o nome do autor e un número. Se tes interese nalgunha delas, só hai que ir á Biblioteca da Área tamén no andar baixo, onde están a xestionar esta solidaria acción. O importe obtido, como xa se dixo, será destinado integramente á Asociación Párkinson Ferrol.

“Agradecemos fondamente a colaboración de tódolos involucrados neste proxecto, cuxa xenerosidade non só adorna as nosas instalacións, senón que brinda apoio á Asociación Párkinson Ferrol”. Así rematan a invitación a participar que figura no espazo da Biblioteca no portal dos e das profesionais da Área, onde se pode ver tamén cada unha das imaxes expostas e escoller a que se quere levar para contribuír a esta causa. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde