​OURENSE SÚMASE AO CRIBADO DE CANCRO DE CÉRVIX QUE SE ESTENDERÁ A TODA GALICIA ANTES DE REMATAR ESTE ANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 12 2023

Un total de 65.652 mulleres de entre 35 e 65 anos, da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, beneficiaranse do programa poboacional de cribado de cancro de cérvix, posto en marcha en outubro,  e que se estenderá ás sete áreas sanitarias antes do remate deste ano 2023, co obxectivo de reducir a morbi-mortalidade e a incidencia deste cancro , o segundo máis frecuente entre a poboación feminina.

Hai dúas modalidades de acceso ao novo programa preventivo. Por invitación desde a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, como é habitual noutros cribados como o de cancro de mama ou colon,  ou personalizadamente na consulta cun profesinal sanitario.

Coa extensión desta iniciativa a Ourense, a administración sanitaria pública continúa co seu compromiso pola prevención e a detección precoz. Trátase dunha  acción preventiva para que o Servizo Galego de Saúde poida diagnosticar cada vez máis precozmente esta enfermidade.

10 casos de cancro e máis dun cento de lesións pre-malignas detectadas

Segundo explicou hoxe a directora de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, nunha visita ao Centro de Saúde de Ribadavia, de toma de contacto ante a recente posta en marcha deste cribado na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. En Ourense está previsto invitar a participar a 15.325 mulleres por ano.

A responsable estivo acompañada por Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta en Ourense; Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, e Mª Isabel de la Torre Sas, matrona do centro de saúde de Ribadavia, que valorou positivamente a o seu funcionamento en Ourense.

Carmen Durán destacou que desde o seu inicio, o ano 2021 en Lugo, “enviáronse máis de 45.000  invitacións e realizáronse máis de 33.000 tests. Tendo en conta que obtivemos un 6,1% de positivos en VPH, puidemos detectar 113 lesións CIN1 E 104 CIN2 (pre-cancro) e, o máis importante, este programa permitiu detectar xa 10 cancros de cérvix” subliñou a directora.

Ademais de adiantar os resultados a nivel autonómico, Durán Parrondo destacou a boa marcha do programa en Ourense, “xa podemos falar dos primeiros resultados aquí en Ourense. Desde o pasado mes de outubro, levamos cursadas máis de 3.800 invitacións. Grazas a isto, fomos quen de obter 627 resultados do VPH, cunha porcentaxe de 5,6 % resultados positivos, nos que se realizará colposcopia, para realizar un seguimento que nos axudará a previr futuras complicacións” dixo.

O relevante papel das matronas

A responsable da Dirección Xeral de Saúde Pública tamén reivindicou o papel das matronas neste cribado poboacional, destacando o seu funcionamento en Ribadavia e subliñando que “das usuarias ás que se lles enviou a invitación a nivel autonómico, máis do 44 % optou por concertar unha cita coa matrona” reafirmando así a importancia desta figura e a confianza depositada nelas, clave para o seu desenvolvemento.

No cancro de cérvix  a prevención é especialmente importante, porque é unha enfermidade que non produce síntomas ata fases avanzadas. A detección precoz, cando aínda non hai síntomas, permite aumentar as posibilidades de curación. Ademais, as probas realizadas tamén permiten detectar as lesións pre-malignas,  evitando así a súa evolución.

Participación:  Tomar a mostra na casa ou en consulta

O cancro de cérvix é o que afecta ao colo do útero. A causa principal deste cancro é a infección polo Virus do Papiloma Humano (VPH). Así, a primeira fase deste cribado é detectar a presenza deste virus (VPH-AR). De ser así será preciso realizar unha citoloxía para ampliar o estudo.

A detección da infección de VPH realízase mediante unha proba moi sinxela e indolora que pode realizarse directamente no domicilio, empregando un “kit” de uso sinxelo que se envía a casa coa información necesaria, para realizar a proba correctamente, ou se o prefire pode realizalo a matrona, en consulta. O virus detectase no fluído vaxinal e non é necesario coller as células do colo de útero.

Cada muller pode decidir a modalidade de participación que prefira. Se elixen a  auto-toma, enviaráselles un kit co material a domicilio, coas instrucións. Se a opción elixida é realizala no centro de saúde, daráselle cita coa matrona do seu centro de saúde.

Se a proba realizada é normal, a muller participante recibirá unha mensaxe telefónica (vía SMS) co resultado de “normalidade”; mentres que se precisa realizar algunha outra proba recibirá unha carta coa correspondente cita. 

Se a proba do VPH é positiva e detecta a infección, o seguinte paso é verificar que non hai anomalías nestas células, polo que é preciso facer unha citoloxía para recoller as células do colo de útero.

No caso de que a mostra fora tomada por persoal sanitario,  a citoloxía pode realizase na mesma mostra, sen que a muller teña que volver ao centro de saúde. Se, pola contra, a toma realizouna a propia muller, esta terá que acudir ao centro de saúde para facer a citoloxía. Calcúlase que aproximadamente un 6 % destas probas serán positivas e as mulleres terán que realizarse unha citoloxía.

Cando o resultado da citoloxía sexa anómalo á participante será citada no servizo de xinecoloxía de referencia, onde lle realizarán unha exploración xinecolóxica máis detallada, tanto para descartar a presenza dunha lesión pre-maligna ou maligna do colo de útero, como para confirmala facilitar se inicie canto antes a planificación do tratamento.

Galicia pioneira na extensión de cribados poboacionais

Galicia é pioneira na introdución e extensión de cribados poboacionais. Ademais, a nova recomendación europea sobre programas de cribado, aprobada en decembro do 2022, avala a ampliación nos rangos de idade dos cribados existentes, como o que se está a facer en Galicia,  co programa de detección precoz do cancro de mama, ampliando o rango de idade ata os 74 anos.

Un dos primeiros foi o de cancro de mama, con 30 anos de traxectoria en Galicia, e máis de 3 millóns de exploracións. Neste periodo descubríronse máis de 11.000 casos de cancro.

No caso do cribado de cancro de cervix, en Galicia comezouse a realizar en 2021 en Lugo, para desde entón extendelo gradualmente a toda a comunidade. De feito o Ministerio de Sanidade marcara 2024 como ano límite para iniciar a súa implantación e 2029 como tope para chegar ao 100% de cobertura.

Así, coa implantación,  antes de que remate este ano, nas sete áreas sanitarias a sanidade pública galega adiantarase a consecución destes obxectivos, e como destacou a responsable, dáse unha pegada no marco da Estratexia Galega de Saúde 2030, que incorpora o enfoque de xénero na súa planificación e programas asistenciais, así como nos ámbitos de investigación.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde