A SAÚDE PÚBLICA, AS LISTAS DE ESPERA E A ATENCIÓN PRIMARIA CENTRAN OS OBXECTIVOS DOS ACORDOS DE XESTIÓN DO SERGAS PARA 2024
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 12 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu hoxe o acto de sinatura dos Acordos de Xestión do Sergas coas sete áreas sanitarias para o vindeiro ano que, -tal e como subliñou o titular da carteira sanitaria-, centran a súa atención no ámbito asistencial en tres grandes liñas, a saúde pública, as listas de espera e a atención primaria. 

Na sinatura dos acordos estiveron presentes a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, así como o resto do equipo directivo do departamento sanitario galego e os xerentes e directivos das sete áreas sanitarias.

Coa sinatura destes acordos, o conselleiro sinalou que se fixan actuacións concretas, que contan cunha serie de recursos para levarse a cabo, e que teñen como finalidade “acadar os obxectivos de mellora continua dos servizos públicos sanitarios e de mellora da atención da saúde da poboación galega”. 

O máximo responsable do Sergas, agradeceu o esforzo e o traballo dos profesionais da parte asistencial, recursos humanos, económicos e saúde pública, sen os que non sería posible o cumprimento duns obxectivos que so teñen un fin que é coidado da poboación.

Para orientar a política sanitaria da Xunta, Comesaña subliñou que no 2024 estará vixente, por primeira vez, a Estratexia de Saúde de Galicia 2030 que fixa prioridades e obxectivos comúns entre os distintos eidos que participan da política sanitaria.

Obxectivos establecidos

No que atinxe a saúde pública, o conselleiro resaltou que esta partida se duplicou nesta lexislatura, pasando dos 22 millóns de 2020 aos preto de 50 previstos en 2024.  Ao respecto incidiu que, no vindeiro ano, mantén a súa relevancia o Programa Galego de Vacinación, cuxo investimento duplicouse desde 2020 e agora ten un novo incremento do 40% ata os case 40 millóns para consolidar o calendario de inmunización máis completo do mundo.

No ámbito dos cribados, ten especial importancia o cumprimento do programa do cribado de cancro de colon, tendo como prioridade acadar tempos de espera para a colonoscopia que cumpran os criterios de calidade do programa de detección precoz do cancro colorrectal. O mesmo para o cancro de colo de útero, -remarcou Comesaña-.

Atención primaria e atención hospitalaria

En  atención primaria, o conselleiro dixo que os obxectivos para 2024 son a mellora continua en relación á dor crónica dos pacientes non oncolóxicos e o aumento do número de centros adheridos ao programa de notificación e aprendizaxe para a seguridade do paciente.

Xunto ao anterior, Sanidade quere continuar coa extensión dos Plan Locais de Saúde, unha ferramenta innovadora de planificación estratéxica a nivel local, que contribuirá decisivamente a acadar estes obxectivos de mellora. No 2022 asináronse os primeiros 14 Plans e, na actualidade, xa son 71 os centros que o teñen, o que supón preto do 50% dos servizos de atención primaria de Galicia.

No ámbito da atención hospitalaria, Comesaña dixo que o obxectivo xeral é seguir a mellorar nos tempos de resposta e atención ás patoloxías e problemas de saúde da poboación galega. Neste senso, a actividade realizada no bloque cirúrxico expresa un incremento de máis de 8.000 intervencións (105.332 no período de xaneiro-xuño 2022, e 113.567 no período xaneiro-xuño 2023)

Respecto aos resultados en tempos medios de espera para unha intervención cirúrxica por prioridades, o conselleiro dixo que os pacientes con prioridade 1, a xuño 2023, teñen de espera media 16,4 días, baixando máis de dous días (2,2 días) con respecto a 2022.

Para o responsable do Sergas, o obxectivo xeral neste eido é mellorar de forma continua a atención do paciente relacionada cos procesos asistenciais coa finalidade de reducir as infeccións asociadas á asistencia sanitaria. Igualmente, darase importancia á valoración da dor aguda e crónica, de aí a necesaria activación das comisións da dor nas diferentes áreas sanitarias. 

Para rematar a súa intervención, o responsable da sanidade pública galega dixo que, con estes acordos, “acadaremos unha maior optimización dos recursos dispoñibles coa vista posta nunha atención centrada no paciente e coa finalidade de situar as listas de espera de Galicia na situación da prepandemia”.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde