​O SERGAS PRESENTA ÁS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS O INFORME DE AVALIACIÓN DE RISCOS PSICOSOCIAIS E O PROTOCOLO DE ACTUACIÓN ANTE VIOLENCIAS E ACOSO SEXUAL E DE XÉNERO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 12 2023
 


O Servizo Galego de Saúde presentou, a finais da pasada semana, ante a Comisión Central de Seguridade e Saúde do Sergas, o informe de avaliación de riscos psicosociais para o conxunto da organización, que servirá de base para implementar un conxunto de medidas destinadas á mellora da calidade laboral e o benestar dos seus traballadores. 

Este proceso iniciouse en novembro do ano 2022, desde a área de Recursos Humanos do Sergas, mediante a campaña “Contorno de traballo saudable”, na que remitiu a todo o persoal un “Cuestionario de benestar” para coñecer a súa situación e percepción laboral; realizou diversas “Enquisas ás liñas de mando” para recoller información sobre os equipos de traballo; e organizou un total de 33 reunións dos denominados “Grupos Focais” para explorar os posibles ámbitos de mellora.

No que atinxe á “Enquisa de benestar”, recibíronse un total de 32.100 respostas individuais, acadando unha participación próxima ao 74% do conxunto de profesionais que o integran. Entre os datos máis salientables, cómpre destacar que os resultados adecuados nos distintos factores, os mellores percibidos son os que teñen relación coa calidade das relacións interpersoais na contorna de traballo e o grao de liberdade para organizar o traballo propio e decidir os métodos a utilizar. 

Tamén detectouse unha marxe de mellora no que atinxe aos recursos habilitados na organización para a participación formal do persoal e que ten que ver coas canles internas de comunicación da información.

Por outra banda, no referido ao “Cuestionario á liña de mando”, o Sergas recolleu un total de 1.549 respostas (90% de participación), dos responsables de distintos equipos de profesionais, tanto de atención primaria como de hospitalaria. Neste caso, entre os datos máis salientables destaca a cualificación de 7’8 puntos -sobre 10- no que atinxe ao clima laboral.

Nos 33 grupos focais organizados como o terceiro eixo desta estratexia de avaliación psicosocial do Sergas participaron 554 profesionais de diferentes perfís e áreas sanitarias, cos que se indagou sobre as razóns subxacentes aos resultados da “Enquisa benestar” e que propuxeron solucións conxuntas a estas cuestións. 

Entre as cuestións estruturais que afectan a toda a organización de xeito transversal e que foron tratadas de xeito máis frecuente estiveron a comunicación organizacional, os estilos de liderado, a coordinación e optimización de recursos humanos e materiais, a rotación de persoal nos equipos de traballo ou a formación e capacitación dos profesionais.

Compre engadir que este informe é un primeiro paso que se completará cos resultados e conclusións que se deriven da avaliación que se está a realizar nas sete áreas sanitarias, co obxecto de deseñar novas medidas organizacionais que permitan seguir avanzando no propósito de gañar en benestar e saúde laboral.

Como mostra deste compromiso, os resultados parciais da avaliación psicosocial obtidos  serviron de base para o establecemento de medidas que xa se foron poñendo en marcha durante o proceso, podendo citar, entre outras, os distintos procesos de concurso de méritos e concurso oposición convocados entre os anos 2022 e 2023, que suporán a estabilización de 5.534 profesionais do Sergas, ou o Plan de relevo xeracional e os acordos retributivos e sobre xornada.

Protocolo de acoso sexual e de xénero

Na xuntanza da Comisión de Igualdade, celebrada a finais da pasada semana, e da que forman parte representación da Administración Sanitaria e das organizacións sindicais (CIG, CSIF, CCOO e UGT), presentouse o Protocolo de prevención e actuación fronte a acoso sexual e acoso por razón de sexo, de orientación sexual, de identidade de xénero e de expresión de xénero, co que o Sergas manifesta a súa tolerancia cero ante a concorrencia en toda a súa organización destes actos e condutas de acoso e discriminación.

Este procedemento mellora neste eido ao procedemento de actuación fronte a situacións de acoso laboral e outras discriminacións no traballo, en vigor desde abril de 2017, cumprindo a medida acordada no marco do I Plan de igualdade entre mulleres e homes do Sergas (2021-2024), ao obxecto de establecer un procedemento específico para o acoso sexual e por razón de sexo, diferenciándoo do resto de situacións de acoso na contorna laboral. Ademais, e a solicitude desta Comisión, amplíase este novo protocolo á prevención e protección fronte ao acoso e discriminación por identidade e expresión de xénero e de orientación sexual.

Entre as súas principais novidades destaca o de ser un procedemento centralizado e único para todo o Sergas, axilizándose, polo tanto, os tempos de resposta e actuación ante unha denuncia, e unificando os tres tipos de medidas a acometer: preventivas, con declaración de principios, definición e identificación de condutas, entre outras;  dinámicas ou procedementos de actuación fronte ao acoso, para dar canle ás queixas ou denuncias que puidesen producirse; e a identificación de medidas reactivas fronte ao acoso e, no seu caso, o réxime disciplinario.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde