O CONSELLEIRO DE SANIDADE E O ALCALDE DE PANTÓN ASINAN O CONVENIO PARA A CONSTRUCIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE DA LOCALIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 01 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, asinaron onte un convenio de colaboración que permitirá a construción dun novo centro de saúde neste concello, unha vez que o goberno local se fixo cunha parcela coas características solicitadas pola Xunta. Na sinatura estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial de Lugo, Javier Arias Fouz, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico.

No convenio, a Administración autonómica asume o compromiso de contratación do proxecto e obra, mentres que o concello comprométese a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión da parcela, ademais de asumir a exención do IBI e a recoller a bonificación do 95 % para obras de especial interese municipal e dar á obra do novo centro dita consideración. 

A construción deste novo centro de saúde estaba prevista como prioritaria no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia aprobado polo Consello da Xunta en outubro do ano 2021, dada a antigüidade do espazo no que actualmente se localiza o centro de saúde, que comparte inmoble con áreas municipais e ten carencias de espazos para a organización asistencial, de accesibilidade ou de eficiencia enerxética.

O plan funcional que a Xunta se compromete a desenvolver para o novo centro de saúde a través deste convenio contempla un inmoble de 600m2 con dúas consultas de medicina de familia e dúas de enfermería, e cunha sala polivalente que poderá funcionar tamén como consulta. Ademais, o novo inmoble incorporará unha sala de toma de mostras e unha sala de técnicas, apta para a realización de cirurxía menor. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde