O 061 DE GALICIA ASISTIU 47 PERSOAS POR 36 ACCIDENTES DE TRÁFICO DURANTE A FIN DE SEMANA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 01 2024
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 47 persoas debido a 36 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 12 de xaneiro, ata as 23,59 horas do domingo, 14 de xaneiro. O sábado foi o día que rexistrou máis sinistros, con 17 accidentes de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 49 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 36 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 47 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 51% e do 49% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 33% dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 20 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia

Accidentes

A Coruña

10

Lugo

1

Ourense

5

Pontevedra

20

Galicia

36

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 45. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en sete accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 35 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en tres accidentes.

En 40 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en sete ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde