A XUNTA DESTINA 160 M€ Á COORDINACIÓN E Á PRESTACIÓN DE ATENCIÓN SANITARIA URXENTE MEDIANTE A APROBACIÓN DO CONTRATO PROGRAMA DO 061 DE GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 01 2024

A Xunta de Galicia vai destinar 160.577.625 euros para garantir a coordinación e a prestación do servizo de asistencia e transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma galega, a través da aprobación, hoxe, do contrato programa da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Este acordo supón a actualización dos recursos do servizo público de urxencias e emerxencias sanitarias para os vindeiros exercicios 2024 e 2025.

A sinatura do novo contrato programa entre o Servizo Galego de Saúde e o 061 establece un importe de financiamento de 78.818.275 euros para o ano 2024 e de 81.759.350 euros para 2025. Estas cifras supoñen un incremento do 22,5 % da asignación para financiar os servizos do 061 con respecto ao inicio da presente lexislatura, pasando de 63,3 en 2020 aos 81,7 M€ fixados desde 2025 a través deste contrato programa. No referente ao gasto de persoal, o orzamento de 2024 ascende 24.013.471 euros, un 5,6% respecto ao orzamentado o ano anterior. Este gasto inclúe as retribucións e seguridade social do cadro medio de persoal do 061 que foi en 2023 de 289 persoas, entre persoal médico, de enfermaría e persoal non sanitario, e que para 2024 estímase incrementar ata 293. Ademais, téñense en conta as melloras retributivas e de traballo do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde previstas no acordo da mesa sectorial aprobadas polo Consello da Xunta o pasado mes de xuño. Inclúense igualmente os importes dos novos graos de carreira profesional que se recoñezan ao persoal do 061 na actual convocatoria do procedemento ordinario de acceso aos graos I a IV de carreira profesional e o procedemento extraordinario de acceso ao grao II dirixido ao persoal estatutario temporal.

Deste xeito, a cidadanía recibirá a resposta máis adecuada á súa solicitude de consulta e asistencia sanitaria urxente extrahospitalaria na Comunidade galega, ao tempo que se actualizan as condicións da prestación destes servizos mediante criterios de mellora continua, seguridade clínica, competencia profesional e innovación tecnolóxica.

O contrato programa 2024-25 define obxectivos estratéxicos e operativos, aliñados cos establecidos no Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 e no Plan estratéxico 2024-2028 da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Deste xeito, o 061 comprométese a promover a atención sanitaria integral, adaptada ás distintas necesidades da poboación, e aproveitar as tecnoloxías que permitan prestar un mellor servizo asistencial.

Melloras do novo contrato programa

Todos os obxectivos do contrato programa estanse a medir a través de indicadores que, para os próximos dous anos, se definen máis detalladamente e, polo tanto, permiten reflectir con maior precisión as melloras na atención sanitaria á cidadanía, o incremento da eficiencia no emprego dos recursos públicos e a optimización da xestión do 061.

Outras melloras consisten en facilitar o funcionamento da Comisión de Seguimento e Control do contrato programa mediante o establecemento dunha regulación máis precisa, a definición máis concreta dos procedementos que permiten modificar este contrato programa, e a actualización dos programas asistenciais e os procesos clave para a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Máis dun millón de chamadas ao ano

Segundo datos do ano 2022, o 061 recibiu 1.198.907 chamadas, que se traduciron en máis de medio millón de procesos asistencias con 296.562 mobilizacións de ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB), 22.462 mobilizacións de ambulancias medicalizadas e 1.227 mobilizacións de helicópteros ao ano. Así, destaca que o número de casos nos que foi requirida a intervención dos helicópteros do 061 supera o dobre de actuacións en 2022 con respecto a 2008, cando foran 538, e todos os recursos incrementan as súas actuacións: mobilizacións de ambulancias asistenciais de soporte vital básico, 59.496 máis; mobilizacións de ambulancias medicalizadas, 7.185 máis; ou procesos asistencias, 135.746 máis.

Cómpre lembrar que, desde o ano 1995, o 061 é o organismo encargado de coordinar a atención ás urxencias e ás emerxencias sanitarias en Galicia. Así, cando varias demandas de atención coinciden no tempo, procede a súa clasificación, co obxecto de dar a resposta máis axeitada a cada unha delas, e segue criterios de gravidade e de optimización de recursos. Ofrece asistencia sanitaria sen mobilización de recursos (consello médico urxente, información sobre a saúde e asesoría médica) ou ben con mobilización (emerxencias, asistencia in situ, transporte sanitario urxente, visita domiciliaria e transporte secundario interhospitalario).

Ampliación da rede de transporte sanitario urxente terrestre

Ademais, co novo contrato do servizo de transporte sanitario urxente terrestre autorizado polo Consello da Xunta o pasado mes de decembro, a rede galega do 061 estará formada por 12 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (SVA) medicalizadas, 5 ambulancias asistenciais de SVA de enfermaría, 2 helicópteros medicalizados, 107 ambulancias asistenciais de soporte vital básico e 3 ambulancias convencionais. 

Desta forma, Lalín contará desde abril cunha ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería, un servizo que resolve máis do 96 % das súas asistencias autonomamente, sen necesidade de mobilizar recursos medicalizados. 

No caso do Concello da Veiga, dotarase dunha ambulancia convencional con base e zona de cobertura preferente no mesmo municipio, que contará cun desfibrilador externo semiautomático e un técnico en emerxencias sanitarias con formación no seu uso. Deste xeito, en caso de emerxencia, acurtaranse os tempos ata a masaxe cardíaca e a desfibrilación temperá, reforzando así a liña de cardioprotección das zonas rurais que ten funcionado en zonas como Pedrafita do Cebreiro ou Folgoso do Courel co mesmo recurso.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde