A XUNTA PRESENTA EN PONTEVEDRA A IV EDICIÓN DOS PREMIOS DE INNOVACIÓN EN SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 01 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, interviu esta mañá na presentación da IV edición dos Premios de innovación en saúde 2024 no Sistema público de saúde de Galicia. Na presentación, celebrada no salón de actos do Hospital de Montecelo, en Pontevedra, tamén participaron o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, e o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa. 

Sobre a cuarta edición dos galardóns promovidos pola Rede de Nodos de Innovación, e dos que o Diario Oficial de Galicia​ publicou recentemente as súas bases, o conselleiro sinalou que buscan continuar promovendo ideas innovadoras como eixo central e impulsor da innovación no sistema sanitario público galego.

Esta edición, coa finalidade de seguir potenciando a participación dos pacientes nos procesos de I+D+i e nas incorporacións de innovacións na sanidade pública, mantén a modalidade de ideas de pacientes para aquelas solucións innovadoras presentadas directamente por persoas físicas, asociacións ou organizacións de pacientes, para os efectos de que poidan ser postas en marcha dentro do sistema sanitario público de Galicia. 

Para continuar nesta liña, mantéñense as dúas categorías de participación das edicións anteriores: profesionais ou pacientes. Ademais, as dúas modalidades contarán con dous gañadores cada unha (primeiro e segundo premio).

A cuarta entrega dos premios aspira a continuar co éxito acadado nas tres anteriores, cun total de 233 proxectos presentados, dos cales 48 corresponderon á modalidade de pacientes e 185 foron presentados por profesionais.

O prazo para a presentación de candidaturas remata o próximo 22 de marzo.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde