A XUNTA INICIA OS TRÁMITES DA CONTRATACIÓN DAS OBRAS DO NOVO CENTRO DE SAÚDE DE VILAGARCÍA DE AROUSA, QUE SUPORÁN UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 19 M€
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 01 2024

A Xunta vén de iniciar os trámites da contratación das obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, que suporán un investimento de máis de 19 M€.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o anuncio previo desta obra, que tamén recolleu o pasado venres o Diario Oficial da Unión Europea (DOUE). Tras este paso, a Xunta formalizará a licitación das obras nas vindeiras semanas, co fin de poder comezar a execución dos traballos este mesmo ano.

O novo centro de saúde, que disporá dunha superficie construída de máis de 8.400 metros cadrados, formúlase con forma de dobre U xerando dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios aos que dá fronte. Estas prazas, convenientemente orientadas e resgardadas, serven de zona de espera protexida e de antesala ao centro de saúde e do PAC, respectivamente.

O Plan funcional previsto prevé tres consultas de medicina xeral máis ata chegar ás 17, 4 máis de enfermaría, ata as 17 tamén; unha máis de pediatría e dúas máis de enfermería pediátrica, ata chegar a 5 de cada. 

As instalacións contarán tamén con 2 consultas en lugar dunha das áreas de: farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia.

Ademais, o centro terá 5 consultas de docencia onde hoxe só hai unha e incorpóranse áreas como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou consultas médicas e de enfermaría para que poidan acudir especialistas do hospital.

Este proxecto enmárcase no convenio asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Vilagarcía de Arousa. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.

Os terreos dispoñibles para a construción do novo centro de saúde sitúanse na avenida da Mariña e foron terreos portuarios da antiga comandancia que poderán ser postos a disposición da Xunta grazas a un protocolo asinado entre Xunta, Concello e Autoridade Portuaria. 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde