O NÚCLEO DE SEGURIDADE DE PACIENTES DA ÁREA SANITARIA DE FERROL ADICA UNHA SEMANA Á MELLORA NA IDENTIFICACIÓN DE PACIENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 01 2024

​O Núcleo de Seguridade do Paciente da Área Sanitaria de Ferrol dedica esta semana de xeito especial para lembrar e subliñar aspectos relacionados coa mellora na identificación de pacientes. Faino a través da campaña entre os profesionais: “E ti de quen es? A seguridade do paciente está nas nosas mans”. Esta semana chegaba unha mensaxe ós enderezos electrónicos de tódolos traballadores e traballadoras recordando as medidas de identificación, e repartíanse tanto marcapáxinas, como adhesivos e chapas coa esencia deste campaña: que a identificación é positiva para unha atención correcta, “Pola túa seguridade”. 

Con esa chapa nas batas brancas remarcan as boas prácticas na seguridade do paciente, invitando ós profesionais a ser coidadosos con esa cuestión. e ós pacientes que son atendidos a pór o acento tamén nese aspecto, xerando un clima de colaboración mutua que mellore a atención. Polo tanto, o obxectivo, segundo indican dende o núcleo de Seguridade, é pór en relevancia a importancia de realizar unha correcta identificación de pacientes, sensibilizando tanto ós profesionais coma á cidadanía. Para iso propoñen e lembran unha serie de acción que poden mellorar esa identificación correcta dos pacientes, tales como, por exemplo, a máis básica de preguntarlles semrpe polo seu nome ou por outro identificador persoal, como a súa data de nacemento, entre outros.

Xunto con esta, adoptar medidas para evitar confusións cando dous pacientes cun nome semellante se atopen na mesma unidade; confirmar a identidade do paciente antes de poñer unha etiqueta a unha mostra concreta; etiquetar as mostras con dous identificadores do paciente e en presenza deste; minimizar as interrupcións e distracións durante a identificación do paciente e nas transferencias de pacientes; involucrar activamente ós pacientes nos procesos de identificación; e facilitar a comprensión dos procedementos de identificación a pacientes con dificultades coa linguaxe e audición para que poidan ser partícipes.

Seguridade e Calidade na ASF

A seguridade do paciente constitúe un factor primordial da calidade asistencial e establécese como unha liña estratéxica dentro da Área Sanitaria de Ferrol, con longa traxectoria na potenciación deste ámbito. Esta Área está especialmente sensibilizada coa mellora da seguridade dos pacientes a partir da análise de situacións, problemas ou incidentes que dun xeito ou de doutro poidan ser causa de creación de risco sanitario. 

 É por iso que conta con ferramentas que detectan e identifican os riscos, o que permite implementar prácticas seguras para mellorar a seguridade dos pacientes, e potenciar a participación dos profesionais, como é a campaña desta semana, que desenvolve o Núcleo de Seguridade de Pacientes e de Xestión de Riscos Clínicos co que conta a Área. Este Núcleo é un grupo multidisciplinar formado por profesionais, tanto dos centros de saúde como do Complexo Hospitalario Universitario ferrolán, e tanto no eido da Enfermaría, como doutros ámbitos especializados, como o facultativo ou de Farmacia. Este núcleo promove a participación das e dos profesionais sanitarios na xestión da seguridade dos pacientes e a xestión de riscos clínicos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde