A XUNTA ADQUIRE MÁIS FUNXIBLES PARA O ROBOT MAKO QUE XA REALIZOU 54 CIRURXÍAS DE XEONLLO E CADEIRA NA NOSA COMUNIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 02 2024

O Consello da Xunta autorizou a subministración sucesiva de material funxible e implantes para as intervencións de xeonllo e cadeira realizadas co sistema de cirurxía guiada por robot Mako con destino ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde por un valor estimado de 6.522.606 euros.

Así, o Sergas continuará a desenvolver operacións ortopédicas guiadas por este robot de última xeración e que comezaron a realizarse en outubro de 2023. Desde esa data, foron 48 as cirurxías de xeonllo levadas a cabo cos tres robots Mako adquiridos pola sanidade pública galega (22 na Área Sanitaria da Coruña e Cee, 18 na de Santiago de Compostela e Barbanza e 8 na de Vigo). No caso das operacións de cadeira, por causa de artrose no paciente, o 24 de xaneiro foron realizadas con éxito as 6 primeiras intervencións dirixidas polo Mako nos complexos hospitalarios da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, dúas operacións en cada área sanitaria.

Grazas a estes dispositivos robóticos, o cirurxián dispón dunha ferramenta específica para executar de forma exacta os cortes óseos de acordo cunha precisa planificación cirúrxica previa, xa que un dos aspectos máis complexos da cirurxía de substitución de articulacións é colocar os compoñentes individuais da articulación artificial na mellor aliñación posible para que encaixen e funcionen sen problemas. O brazo robótico proporciona retroalimentación táctil, visual e auditiva para axudar ao cirurxián a lograr a orientación desexada, o que pode mellorar a estabilidade e mobilidade. Polo tanto, a diferenza das técnicas manuais, esta cirurxía robótica presenta maior exactitude e precisión á hora de planificar a posición e o tamaño do implante e para o paciente supón un menor sangrado durante a intervención, menor dor postoperatoria, menor estancia hospitalaria, redución do tempo de recuperación e de complicacións.

Mediante esta licitación proponse a contratación do material funxible e implantes necesarios para as intervencións realizadas polo robot Mako. Inclúense implantes, instrumentos, accesorios e consumibles necesarios.

Cirurxía robótica na sanidade pública galega

A Xunta iniciou a súa aposta pola cirurxía robótica coa adquisición de sete robots Da Vinci que comezaron a funcionar nos quirófanos das sete áreas sanitarias galegas en xullo de 2021 e que xeneralizaron o seu uso en eidos como a uroloxía, a xinecoloxía, a cirurxía xeral e dixestiva, a otorrinolaringoloxía ou a cirurxía torácica.

Ademais, o Sergas dotouse dun Comité Clínico de Cirurxía Robótica para deseñar unha estratexia de uso corporativo destes equipos e acadar un desenvolvemento progresivo e homoxéneo da utilización desta tecnoloxía en todo o Sergas. Este órgano foi definindo as fases e procedementos de utilización do robot e facendo un seguimento do programa de formación e incorporación, así como permitindo compartir experiencias entre as distintas áreas e servizos para favorecer ese desenvolvemento homoxéneo en toda Galicia.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde