ENFERMEIRAS ESPECIALISTAS EN ENFERMARÍA FAMILIAR E COMUNITARIA PRESENTAN O MAPA DE ACTIVOS SAUDABLES DO ENSANCHE A-INFERNIÑO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 02 2024

Enfermeiras especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria da Área Sanitaria de Ferrol presentan o Mapa de Activos xerado no marco do seu proxecto global Rede Local de Promoción de Saúde Ensanche A-Inferniño. É esta mañá, ás 13:30, no Centro Carvallo Calero do Inferniño en Ferrol, onde están invitados os axentes implicados neste proxecto comunitario. Este mapa ou guía de recursos para a saúde elaborado “é un xeito de devolver á Comunidade o que se fixo grazas á súa colaboración”, subliñan estas profesionais.

Un Mapa de Activos é unha ferramenta que identifica mediante a investigación os recursos e riquezas das persoas e as comunidades que xeran saúde entre os seus integrantes, explican. Aglutínanse nunha Guía eses recursos que melloran as habilidades de persoas, grupos, comunidades, poboacións, sistemas sociais e/o institucións, que están accesibles no seu entorno, coa fin de que os coñezan e axuden a manter e soster a saúde e o benestar. Neste caso, recompilan os recursos do Ensanche A-Inferniño relacionados coa saúde, co ocio e o deporte, coa espiritualidade, co tecido asociativo, cos servizos e a economía; e coa educación e a cultura. Por exemplo, asociacións de pacientes, lugares onde facer exercicio, espazos verdes para pasear, etc.

Resumen estas profesionais: “é un mecanismo a través do cal un profesional da saúde e un paciente identifican xuntos actividades da comunidade para mellorar a súa saúde e o seu benestar. O piar fundamental deste proxecto é a pretensión de impulsar a gobernanza local en saúde, descentralizando con iso o papel das e os profesionais sanitarios, e cedendo o lugar protagonista á cidadanía”.

Un elemento máis dunha Rede de Saúde Local

Este mapa de activos forma parte dun proxecto máis global denominado “O noso Barrio, A nosa Rede. Proxecto de Acción Comunitaria para a creación dunha Rede de Promoción da Saúde no Ensanche A-O Inferniño”, desenvolvido ó longo do pasado ano 2023 por un equipo de seis, nese momento residentes de Enfermaría Familiar e Comunitaria de diversos centros de saúde da Área Sanitaria de Ferrol, Paula Souto, Laura López, Susana Verdía, Selene Lourido, Paz Caínzos e Graciela Villamil. Durante meses, e no marco de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Consellería de Sanidade para a rotación das residentes, traballaron nunha rede de promoción da saúde tras contactar con diferentes colectivos e institucións do Ensanche A-Inferniño. No acto desta mañá recordan eses pasos que se seguiron e subliñan o especial agradecemento a eses colectivos.

Estas profesionais fixeron máis de trinta encontros tanto individuais como colectivos cunha ducia de moi diversos colectivos, asociacións veciñais, e grupos étnicos e relixiosos que representen a diversidade cidadá deste barrio para “coñecer e recoñecer” este ámbito, explicaban cando se presentou o proxecto. Engadiron o traballo dun mapa das emocións, tanto cos máis novos nos institutos e colexios, como coa poboación xeral, plantexándolles cuestións tales como que lles xera ou produce benestar e o que non do seu barrio. 

Visitaron centros educativos e, tamén, acudiron á praza más concorrida do barrio e preguntaron á poboación en xeral que pensan do barrio, que botan en falta, e que problemática ven, entre outras cuestións. Isto é, aplicaron xa ata o momento no proxecto diversas metodoloxías e técnicas de investigación: documentais, entrevistas en profundidade individuais, observación directa, grupos de discusión nos que se puña en contacto a moi diferentes colectivos, técnicas específicas de participación comunitaria como o mapeo emocional, a liña do tempo, o mapeo artístico e a fotovoz. 

Con esta última da técnicas, a fotovoz, pasearon cos máis maiores do barrio, que foron os encargados de describir a evolución, o antes e o despois na saúde e o benestar do barrio. Parte dos resultados, trala aplicación de todas estas técnicas cualitativas e cuantitativas, puidéronse ver nunha exposición no Centro Carvallo Calero. Concretouse tamén todo nunha xornada meses despois, organizadas polos propios colectivos integrantes, sobre alimentación, nutrición, saúde bucodental, exercicio e os beneficios de deixar de fumar, entre outros, e con xogos tradicionais en cada etapa da vida, dende a nenez ata a idade máis madura. Unha dinámica na que a a protagonista era a poboación e se consiguía a dinamización do barrio. 

Así, destacan que a motivación é conseguir que, coa divulgación da guía de activos, se acaden distintas intervencións que permitan poñer en práctica os resultados do estudo, así como lograr unha axeitada sensibilización a nivel dos centros sanitarios acerca da importancia da prescrición social de activos en saúde. Por último, lembrar que este proxecto era premiado o pasado abril a nivel nacional, no Congreso Internacional de Enfermaría Familiar e Comunitaria en Granada.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde