A XUNTA DE GALICIA SOLICITA A LICENZA DE OBRA PARA O NOVO CENTRO DE SAÚDE DE VILAGARCÍA DE AROUSA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 02 2024

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, remitiu este venres ao Concello de Vilagarcía de Arousa a preceptiva solicitude de licenza municipal para a obra de construción do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa. 

Este trámite prodúcese despois de que este luns a Xunta iniciara os trámites de licitación do contrato, coa publicación do anuncio previo da obra na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia e no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), cun importe de licitación de 19 millóns de euros. Tras este paso, a Xunta formalizará a licitación das obras nas vindeiras semanas, co fin de poder comezar a execución dos traballos este mesmo ano.

Este proxecto enmárcase no convenio asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Vilagarcía de Arousa. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.

Este convenio recollía tamén o compromiso do Concello de declarar esta obra “de especial interese ou utilidade municipal” para poder aplicarlle unha bonificación do 95% no imosto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO). En consecuencia, a petición de licenza leva asociada a demanda do cumprimento desa cláusula para proceder acto seguido ao pago tanto das taxas de licenza como do ICIO.

Plan funcional do novo centro

O novo centro de saúde, que disporá dunha superficie construída de máis de 8.400 metros cadrados, formúlase con forma de dobre U xerando dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios aos que dá fronte. Estas prazas, convenientemente orientadas e resgardadas, serven de zona de espera protexida e de antesala ao centro de saúde e do PAC, respectivamente.

O Plan funcional previsto prevé tres consultas de medicina xeral máis ata chegar ás 17, 4 máis de enfermaría, ata as 17 tamén; unha máis de pediatría e dúas máis de enfermería pediátrica, ata chegar a 5 de cada. 

As instalacións contarán tamén con 2 consultas en lugar dunha das áreas de: farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia.

Ademais, o centro terá 5 consultas de docencia onde hoxe só hai unha e incorpóranse áreas como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou consultas médicas e de enfermaría para que poidan acudir especialistas do hospital.

Os terreos dispoñibles para a construción do novo centro de saúde sitúanse na avenida da Mariña e foron terreos portuarios da antiga comandancia que foron postos a disposición da Xunta grazas a un protocolo asinado entre Xunta, Concello e Autoridade Portuaria. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde