O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE CONSTITÚE O GRUPO DE IMPLANTACIÓN DA SÚA ESTRATEXIA DE ECONOMÍA CIRCULAR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 02 2024

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, presidiu esta semana a reunión de constitución do grupo de  implantación da Estratexia de Economía Circular do Sergas. Dita estratexia ten un horizonte temporal marcado no 2030, e será a principal ferramenta para impulsar o cambio dun modelo lineal cara a un circular mediante a promoción dun desenvolvemento sostible cun claro enfoque na sustentabilidade ambiental, pero, tamén, tendo en conta os determinantes sociais da saúde e as repercusións do cambio climático que ten na mesma. 

Os eixos de actuación recollidos na Estratexia, aprobada no Consello da Xunta en xuño do pasado ano, son un total de cinco: Recursos e materias primas; Residuos e pegada ambiental; Ecodeseño de procesos; Investigación, innovación e investimento responsable; e Comportamento social. 

O grupo constituído estará formado, por parte dos servizos centrais do departamento sanitario galego, ademais de pola xerente do Sergas, pola vicexerente deste departamento, Carmen Balboa; a xerente de Galaria, Rocío Mosquera; o coordinador do servizo de saúde mental, Alejandro García; a subdirectora xeral de compras e servizos, Lara Otero; a xefa de servizo de prevención de riscos laborais, Nuria de Castro; e a subdirectora de Programas de control de riscos ambientais para a saúde, Inés Mato. Como coordinadora do grupo actuará Beatriz Piñeiro, técnico de Innovación e sostibilidade en saúde. Tamén forman parte do grupo, profesionais do Sergas e da Consellería de Sanidade que desenvolven o seu labor nas sete áreas sanitarias.

Contorna saudable e equilibrada

A Estratexia de Economía Circular é un reto ineludible que o departamento sanitario galego afronta a través desta iniciativa, co propósito de asegurar a sustentabilidade do sistema sanitario como camiño cara unha contorna saudable e equilibrada para os seus habitantes. A introdución da economía circular no sector da saúde supón un aforro de custes, unha maior eficiencia, e a redución do impacto ambiental e de emisións de CO2 equivalente, entre outros avances.

Esta iniciativa desenvolve no eido sanitario a Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030, aprobada pola Xunta en 2019, co reto de situar a Galicia como referente europeo en materia de sustentabilidade económica e ambiental.

Cómpre remarcar que o Sergas leva máis de dúas décadas nun proceso de transformación cara a un sistema sanitario sostible, que dea resposta ás necesidades futuras da poboación galega, e esta estratexia ten como fin servir de apoio ás persoas que integran o departamento sanitario galego para que poidan continuar a traballar nas accións iniciadas dende hai máis de 20 anos. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde