A ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA E BARBANZA HOMENAXEA AOS TRABALLADORES QUE SE XUBILARON NO 2023
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 02 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiu hoxe ao acto de homenaxe aos traballadores que se xubilaron no ano 2023 na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, nun acto no que estivo acompañado pola xerente da área, Eloína Núñez Masid. 

Na súa intervención no acto, o conselleiro subliñou que é unha verdade evidente que a sanidade pública española, e por ende, a galega, é un referente non xa en Europa, senón no mundo enteiro, e isto débese, fundamentalmente, aos traballadores do eido sanitario, que son os verdadeiros protagonistas do noso sistema sanitario e os responsables do seu adecuado funcionamento e da súa mellora continua.

Comesaña destacou dos profesionais que acaban de xubilarse a súa implicación, que queda demostrada pola capacidade de traballo e compromiso coa sanidade pública ao longo da súa vida laboral.

Pola súa banda a xerente da área sanitaria destacou que "sen dúbida, en toda a vosa traxectoria profesional, teriades ocasión de coñecer a sanidade pública compostelá en moi diversas circunstancias: desde os tempos nos que había moitos menos medios, ata hoxe onde contamos coas máis avanzadas tecnoloxías". 

"Tendes todo o meu respecto e admiración xa que sinto que me atopo ante profesionais da sanidade que xa cumpriron o labor que a sociedade lles encomendou e que deixaron pegada na sanidade pública", manifestou Eloína Núñez, e engadiu que "só quero expresarvos os meus parabéns por alcanzar a xubilación, o meu profundo recoñecemento e o meu agradecemento pola función que desempeñastes e o meu desexo auténtico dunha confortable xubilación".

No transcurso do acto, e en representación dos profesionais xubilados no pasado ano, interveu María Dolores Bahamonde, enfermeira no Hospital Clínico.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde