​O SERGAS ORGANIZA UN CURSO PARA FORMAR PROFESIONAIS DE ENTIDADES DE SAÚDE MENTAL NO APOIO ÁS FAMILIAS E ACHEGADOS DAS VÍTIMAS DE SUICIDIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 02 2024
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta tarde o curso ‘Posvención: Desde a clínica á creación de grupos de axuda mutua’, unha actuación coa que o Sergas formará profesionais dalgunhas entidades sociais vencelladas á saúde mental no apoio á familiares e achegados das vítimas de suicidio, fomentando que esta intervención estea a disposición de todas as persoas que o precisen na nosa comunidade.

Na súa intervención no acto, o conselleiro destacou o traballo dos servizos de Saúde Mental do Sergas na conformación de grupos de axuda mutua nos que, coa capacitación dun profesional, os asistentes poderán construír despois un espazo seguro e confidencial onde os familiares e a súa contorna sexan quen de compartir as súas reflexións, sentimentos e inquedanzas, atopando e dando apoio a outras persoas que están a soportar unha situación similar.

Tamén salientou o labor das entidades sociais, xa que o seu traballo será crucial para o desenvolvemento desta iniciativa.

Comesaña remarcou que, onte mesmo, a Xunta iniciou as intervencións do programa YAM nos colexios de cara á prevención do suicidio na mocidade que, -tal e como referiu o conselleiro-, son de vital importancia e resultan prioritarias.

No acto, no que tamén estivo presente a subdirectora de Atención Primaria do Sergas, Sinda Blanco Lobeiras; así como o coordinador de saúde mental Alejandro García Caballero; o titular da carteira sanitaria agradeceu a Daniel López, presidente da Asociación de profesionais en prevención da conduta suicida Papageno, docente deste curso, o seu compromiso e dispoñibilidade.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde