ADROVI INAUGURA COA COLABORACIÓN DE ADOS A EXPOSICIÓN ITINERANTE DO V CONCURSO DE CARTEIS PARA ESCOLARES RELACIONADOS COA DOAZÓN E OS TRANSPLANTES NO HOSPITAL RIBERA POVISA DE VIGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 02 2024

A exposición itinerante do V Concurso de Carteis para Escolares relacionado coa Doazón e os Transplantes poderá visitarse ata o luns 5 de febreiro na entrada principal do Hospital Ribera Povisa de Vigo. A mostra recibiu a visita de Marisa López García, directora da Axencia de Doazón de órganos e Sangue (ADOS), e do presidente da Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI), Celso García Estévez, quen promove esta iniciativa na que todos os anos participan centos de alumnos de toda Galicia dos niveis de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

No transcurso desta visita, Celso García Estévez fixo entrega á directora asistencial do Hospital Ribera Povisa, Sonsoles Leal Ruiloba, dun recoñecemento ao apoio que este centro sanitario brinda ás doazóns.

Carteis premiados

Así, na V edición do Concurso Escolar de Carteis relacionado coa Doazón e os Transplantes, resultaron premiados na categoría de 5ºe 6º de Educación Primaria, co primeiro premio “Non importa o órgano, agora toca doar e salvar vidas” de Jimena Domínguez García do CEIP Vista Alegre (Burela); e o segundo premio recaeu no traballo “Transplanta vida. Doa” de Greta Abella Álvarez do CEIP Castrelo de Miño.

Na categoría de primeiro ciclo de ESO, resultou gañador o traballo “Doa Tempo” de Ainara Solla González do Colexio Sagrado Corazón de Jesús (Pontevedra) e o segundo premio foi para “Vivir ou non vivir, esa é a cuestión” de Débora Yáñez Cid do IES Escolas Proval (Nigrán).

Con esta iniciativa, o Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, xunto coas Consellerías de Sanidade e de Educación da Xunta de Galicia, buscan achegar a realidade dos transplantes aos escolares, para que a poboación máis nova valore os beneficios do fomento da doazón de órganos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde