COMEZA A FUNCIONAR O HOSPITAL DE DÍA DE SAÚDE MENTAL INFANTO-XUVENIL DA ÁREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 02 2024

Dentro do seu programa de ampliación e remodelación de espazos, na Área Sanitaria da Coruña e Cee comeza hoxe a funcionar o novo hospital de día de saúde mental infanto xuvenil cunha un ampla área destinada á atención ambulatoria da saúde mental na infancia.

O espazo habilitado que se pon hoxe en marcha, e ocupado con anterioridade polo hospital de día de oncoloxía, agora ubicado no Hospital A Coruña, consta de aproximadamente 300 m2 situados no andar baixo do hospital Materno Infantil “Teresa Herrera”, que tras a reforma e readaptación de espazos conta con 12 consultas de saúde mental, un control de enfermería, ademais dunha sala de reunións, unha sala de terapia polivalente, unha aula-comedor terapéutico e salas de espera.

Esta ampliación de servizos permite redefinir o paradigma de atención actual, e incorporar novas modalidades de intervencións terapéuticas dirixidas á recuperación persoal. Este modelo tamén fomenta a abordaxe multidisciplinar do paciente, reducindo o impacto da enfermidade no neno sobre a súa actividade social, educativa e sobre a súa vida familiar. En definitiva, esta acción permítenos aumentar a asistencia da calidade entre os máis novos con problemas de saúde mental.

Para levar a cabo todo este volume de actividade, o novo hospital de dia conta con 15 profesionais, dos que 8 son persoal facultativo.

Esta nova prestación asistencial permite aumentar os recursos hospitalarios que a área sanitaria da Coruña e Cee ofrece aos seus usuarios da sáude mental infanto-xuvenil ao abeiro do Plan de Saúde Mental Post-Covid do Servizo Galego de Saúde.

O hospital de día é un dispositivo asistencial intermedio entre a hospitalización a tempo completo e as consultas externas. Pretende atender de xeito intensivo aqueles trastornos mentais graves, xa que moitos destes teñen o seu debut na adolescencia. O principal obxectivo é evitar a cronificación dos mesmos e desestigmatizar a saúde mental, sendo imprescindible unha abordaxe integral do paciente cun equipo multidisciplinar que teña en conta as necesidades sociais, familiares e académicas de xeito individualizado, e encargado de garantir a reinserción temperá do mesmo á súa vida cotiá.

A saúde mental infanto xuvenil

A infancia e a adolescencia son etapas especialmente vulnerables ás enfermidades de saúde mental. De feito, case a metade dos trastornos mentais inícianse antes dos 14 anos, o 10% dos nenos menores de 12 anos e o 20% dos adolescentes, desenvolven nalgún momento algún tipo de trastorno mental.

Por outra banda, o suicidio é a segunda causa de morte en mozas entre 15 e 29 anos e o seu principal desencadeamento é a depresión, en especial cando non se diagnostica e non se trata. Por tanto, unha correcta asistencia a esta idade pode previr ou atenuar problemas na saúde mental da poboación adulta e reducir o impacto sobre a vida social, familiar e académica do menor.

Do mesmo xeito, os trastornos da conduta alimentaria requiren unha abordaxe precoz e integral, no que conflúen pediatras, psiquiatras, psicólogos, terapeutas ocupacionais, traballadores sociais, enfermeiras especialistas e mestres.

O obxectivo principal do hospital de día de saúde mental infanto xuvenil é tentar mellorar a calidade de vida dos pacientes e das súas familias reducindo a tensión que poida supoñer a hospitalización e poder realizar as abordaxes clínicas necesarias e integrar unha acción coordinada con outras dependencias de servizo sanitario ambulatorias. Así mesmo, busca manter os vínculos que unen aos pacientes cos seus pais ou coidadores, amigos, profesores e en xeral a comunidade.

O aumento destes recursos hospitalarios vai permitir atender o incremento da demanda asistencial en materia de saúde mental prestando especial atención á poboación infanto xuvenil.

A área sanitaria da Coruña e Cee proporciona asistencia sanitaria a unha poboación pediátrica de máis de 65.000 nenos, sendo ademais referencia para as áreas sanitarias de Ferrol e Lugo, referencia autonómica para moitas patoloxías pediátricas e nacional para algunhas outras.

A Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil, dependente do Servizo de Psiquiatría, presta a súa asistencia ata o de agora na planta semisoto do Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera, estando na actualidade orientada principalmente á actividade ambulatoria de consultas externas. Polas súas consultas pasan cada ano máis de 6.000 menores, cunha tendencia crecente con respecto a anos anteriores que parece acentuarse aínda máis no 2022.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde