A ÁREA SANITARIA DE FERROL ABORDA NUNHA SESIÓN AS FERRAMENTAS DE PREVENCIÓN PARA UNHA VIDA SAUDABLE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 02 2024
 “Que a opción saudable sexa a más sinxela e accesible” ese era o resume sobre tódalas medidas do Plan Obesidade Zero galego que facía un dos coordinadores da Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps), Xerman Bugallo Sanz. Desprazábase esta mañá ó salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol para dar a coñecer as múltiples vertentes que ten este Plan, por exemplo, a propia Regaps, que aglutina as actividades das Áreas Sanitarias e do entorno local desas Áreas para achegar a saúde; ou a nova Plataforma Saanidade Mediaverso  para promover a saúde a través das novas tecnoloxías, que pon a disposición da cidadanía solucións dixitais para a alimentación saudable, a realización de actividade física, o coidado do benestar emocional, e a prevención das condutas aditivas.

Con esta nova plataforma tecnolóxica, Sanidade Mediaverso, estruturada neses catro bloques mencionados, a Xunta de Galicia promove os estilos de vida saudables entre a poboación galega, e ponse á súa disposición recursos dixitais, audiovisuais, aplicacións, xogos e programas de realidade aumentada e virtual, nos que se achegan solucións para acadar un estado de saúde óptimo, dun xeito integral, e para tódalas idades, explicaban esta mañá. Por exemplo, ofrece menús equilibrados para oito semanas, e no que tamén se achegará a lista da compra necesaria, e as receitas para elaborar cadanseu menú; aplicacións móbiles activAR-t e Camiña; vídeos con exercicios para realizar de xeito individual ou coa familia; a aplicación de realidade virtual EnMovemento; un diario do sono;  ademais de cursos formativos e vídeos divulgativos con consellos sobre a práctica do exercicio físico.

No eido do benestar emocional, a saúde mental e o coidado do sono, achega diversos cursos con técnicas destinadas á redución do estres, pílulas audiovisuais de mindfulness ou recursos para levar a cabo unha xestión emocional axeitada. Por último, sobre o consumo de substancias aditivas ou o tabaquismo, inclúe unidades didácticas para evitar o inicio do seu consumo, e tamén para axudar ao cesamento destes hábitos nocivos para a saúde.

Regaps na Área Sanitaria de Ferrol

Recordouse tamén ós profesionais na sesión xeral, o rol da Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps), que é unha organización dependente da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, da Dirección Xeral de Saúde Pública, que se crea a raíz dese Plan Obesidade Zero en Galicia, coa fin de potenciar todas aquelas estratexias locais que melloren a saúde da poboación. Está formada por un equipo de traballo multidisciplinar cuxa unidade de coordinación se sitúa na Consellería de Sanidade (tres médicos especialistas en Medicina Preventiva e unha diestista-nutricionista), e conta cun equipo de responsables que se distribúe polas 7 áreas sanitarias para promover iniciativas de promoción da saúde en Galicia. 

Entre os seus obxectivos figuran o xeral de promover estilos de vida saudables na poboación galega; e tamén establecer un nexo de unión entre os actores implicados na promoción da saúde no ámbito local; analizar a situación de cada territorio para optimizar os recursos existentes e implementar outros que sexan necesarios; potenciar a promoción da saúde no ámbito sanitario; desenvolver as liñas estratéxicas do Plan Obesidade Zero en Galicia; ou capacitar ós axentes sociais para que se convertan en promotores da saúde. 

Estes obxectivos estanse a materializar de xeito concreto. As profesionais da Área sanitaria de Ferrol a terapeuta ocupacional Sofía Puente e a traballadora social Cruz Fernández, emprazadas no andar 0, do Hospital Naval, están xa a investigar e mapear a situación inicial en canto a promoción da saúde dos municipios pertencentes á Área. Os resultados estanse a rexistrar en "Atopa Saúde", un aplicativo web de recente creación que estará dispoñible tamén en breve, con tódolos recursos presentes para normalizalos e visualizalos.

Xunto con isto, e entre outras, están a establecer contactos cos diferentes axentes locais (centros de saúde, educativos, e sociosanitarios ou asociacións e clubes deportivos, entre outros) de cada municipio para tecer redes, favorecer que se coordinen para iniciativas comúns de promoción da saúde, e recoñecer o traballo que xa realizan ó darlle visibilidade, e estanse a incluír no boletín, Venres saudable, que chega a tódolos profesionais do Sergas cada primeiro venres de mes. Elas mesmas organizan e coordinan diversas formación en formato de charla e ou obradoiros en canto á promoción da saúde. "Estamos para axudar, visualizar o que xa se está a facer, e crear tecido para promover a saúde", explicaban.

Plan Obesidade Zero

Outra cousa que fan estas profesionais e que se resumía na sesión de hoxe é dar conta tamén de tódalas actividades do Plan Obesidade Zero, que é o resultado do consenso, a consulta e a participación dos distintos sectores sociais para a prevención do sobrepeso e a obesidade na poboación galega, cun prazo de execución dende o pasado ano 2022 ó ano 2030. Recordar que aínda se pode ver no corredor principal do Arquitecto Marcide unha mostra sobre este plan co obxectivo de dar a coñecer a situación de punto de partida e implicar á poboación. Nela, figuran datos clave a modificar, de aí todas as citadas accións, como que o 39% da poboación galega ten sobrepeso, unhas 849.000 persoas adultas; e o 16,5% ten obesidade, ó redor de 357.000 galegos e galegas.

Uns 6 de cada 10 galegos non realizan exercicio físico; e o 41,3% da poboación galega é sedentaria. Estas cifras dan conta de que a metade da poboación galega ten algún problema de obesidade ou de sobrepeso coa incidencia que esta patoloxía ten na saúde, xa que "son factores de risco para enfermidades crónicas e algúns tipos de cancro". 

Este obxectivo concrétase na exposición cunha meta, que é a de reducir con distintas medidas a prevaleza do sobrepeso en Galicia progresivamente, un 5% no 2025, e ata un 15% no 2030. Este plan ten tres eixos, con 11 obxectivos e 41 accións para chegar a esa meta. O primeiro dos eixos é potenciar as contornas promotoras da saúde impulsando políticas favorables, como o propio plan; avanzar no ámbito escolar na liña de redes promotoras de saúde; promover hábitos de vida saudables no ámbito laboral; e impulsar tamén a promoción da saúde no ámbito sanitario e sociosanitario.

 O segundo dos eixos é capacitar na toma de decisión máis saudables, e isto é, explican, favorecer a adquisición de habilidades na cidadanía; capacitar no ámbito sanitario e educativo; e formar a outros colectivos profesionais relacionados: O terceiro e último dos eixos é investigar e innovar na promoción de saúde, desenvolvendo a rede de investigación en promoción da saúde, innovando continuamente e desenvolvendo un sistema de vixilancia para o sobrepeso, a obesidade e os seus factores de risco. Estas cuestións xa se materializan na Área Sanitaria de Ferrol nalgunhas das charlas que se están a realizar.

Por último, reiterar tamén os catro factores protectores do sobrepeso e a obesidade ó que lle dedican especialmente un dos paneis desta exposición: manterse activo por múltiples vías, entre elas o exercicio físico; manter a rutina do sono; comer ben para vivir mellor; e coidar o estado de ánimo. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde