O SERGAS RECOÑECE O LABOR DAS ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO QUE PRESTAN ASISTENCIA A PACIENTES CON TRASTORNOS ADICTIVOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 02 2024

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, visitou esta mañá as instalacións da Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (Alborada), e agradeceu atención prestada o ano pasado a máis dun milleiro de persoas dos concellos de Vigo, Nigrán, Baiona e Gondomar, con trastornos adictivos.

Durante a visita, o directivo do Servizo Galego de Saúde adiantoulle aos membros de Alborada que, a próxima semana, o Consello da Xunta autorizará pagar anticipadamente os convenios con nove entidades galegas, cun incremento global do 8 % con respecto ao 2023. Así, a Xunta aumentará en máis de medio millón de euros o importe dos convenios que o Sergas mantén con entidades sen ánimo de lucro para a asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e outros trastornos adictivos, ata chegar aos 7.764.100 euros.

En concreto, o Servizo Galego de Saúde destinará 1.807.016 euros á actividade da entidade viguesa Alborada, o que supón un aumento superior aos 125.000 euros con respecto a 2023. Deste xeito, desenvolveranse programas de asistencia sanitaria especializada dende un enfoque biopsicosocial a persoas con trastornos relacionados con substancias e outros trastornos aditivos, atendendo á planificación e criterios establecidos polo Sergas.

As adiccións, na actualidade, son consideradas unha enfermidade que require un tratamento multidisciplinar e personalizado. Ante calquera problema relacionado coas adiccións, aconséllase acudir a un centro de tratamento específico directamente ou ben solicitar axuda aos profesionais de atención primaria que avaliarán cada caso e derivarán ao centro que proceda.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde