O HOSPITAL DE DÍA DE MONTECELO AMPLÍA O SEU HORARIO ÁS TARDES PARA INCREMENTAR A ACTIVIDADE E FAVORECER A CONTINUIDADE DOS TRATAMENTOS AMBULATORIOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 02 2024

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de ampliar o horario de atención do Hospital de Día de Montecelo á quenda de tarde, de xeito que se prestará asistencia de luns a venres máis aló das 15.00 horas. Esta medida, que está implementada desde o luns pasado, permitirá ampliar a actividade e atender a máis pacientes -poderán citar a uns 12 máis-, así como favorecer a continuidade dos tratamentos ambulatorios que tiveran inicio durante a mañá.

Outros beneficios desta ampliación do horario son a optimización dos recursos hospitalarios de xeito externo, xa que se evitan ingresos innecesarios, e tamén se reducen os reingresos. Así mesmo, a medida supón unha mellora da calidade de vida dos pacientes, posto que se promove e aumenta na medida do posible a súa autonomía.

Asistencia a distintos servizos de Montecelo

O Hospital de Día de Montecelo presta asistencia a distintas especialidades presentes no centro hospitalario de Mourente, como son Hematoloxía, Dixestivo, Endocrinoloxía, Medicina Interna, Neumoloxía, Uroloxía ou Cirurxía Vascular. Tamén reciben doentes derivados dende os centros de Atención Primaria, Hospitalización a Domicilio (HADO) e Urxencias.


Unha parte da actividade está programada, pero outra parte depende da necesidade de inicio de tratamento inmediato dos pacientes que acuden ás consultas ou son dados de alta ese mesmo día. Esa prestación asistencial a demanda era o que producía un desequilibrio nos horarios e obrigaba a prolongar máis aló das 3 da tarde. Neste sentido, dende a supervisión de Enfermería salientan que o Servizo de Dixestivo será un dos máis beneficiados, o que redundará na axilización das listas de espera.

Unha enfermeira e unha TCAE máis

Este incremento da actividade do Hospital de Día en quenda de tarde, cun horario laboral de 14:00 a 21:00 horas, supuxo, en consecuencia, aumentar o cadro de persoal da unidade cunha enfermeira e unha TCAE. Estas dúas profesionais se suman a un equipo formado ata agora por tres enfermeiras, unha TCAE e unha administrativa.

O Hospital de Día de Montecelo está ubicado no primeiro andar do bloque de Consultas Externas, no mesmo nivel que os Laboratorios e o Banco de Sangue. Ten acceso dende o exterior e consta de 18 postos de sillón e dúas camas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde