A REDE GALEGA DE PROMOCIÓN DA SAÚDE (REGAPS) FALA SOBRE A XUBILACIÓN EN ARES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 02 2024

​A terapeuta ocupacional da Área Sanitaria de Ferrol, Sofía Puente Saavedra, estará esta tarde, ás 19:00, na Alianza Aresana, no Concello de Ares, para falar sobre a nova etapa da vida, a xubilación. Esta profesional é unha das responsables da Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps) na Área Sanitaria ferrolá. Co título: Xubilación, e agora que?, abordará a temática da etapa que se comeza coa xubilación dende unha perspectiva de promoción da saúde para un envellecemento saudable. Para acceder á mesma, non fai falla inscrición. 

Con dinámicas expositivas e grupais abordarán diversas actividades da vida diaria, priorizando a promoción da saúde entre outras cuestións. “A clave é transmitirlles que procuren un equilibrio abarcando actividades que impliquen funcións, tanto cognitivas como emocionais, sociais e físicas, adaptándose ó momento persoal que viva cada persoa”, explica esta terapeuta ocupacional. 

Así, xa estas mesmas actividades grupais son un chanzo útil para acadar isto, nas que compartir con outras persoas na túa mesma situación, e establecer rutinas e vencellos sociais. Subliña Sofía Puente tamén “a importancia de non deixar de aprender, de facer actividade física diaria adaptada a cada quen, e non centrar todo o tempo no ocio”, cuestións que abordará esta tarde. 

Facilitar e manter a saúde

A Terapia Ocupacional encárgase de promover a saúde, o benestar e o funcionamento a través da implicación activa das persoas en ocupación. Estas ocupacións son aquelas actividades cotiás realizadas polas persoas, respetando a elección, motivación e significado que teña para cada individuo. Participar de maneira activa nas ocupacións promove, facilita e mantén a saúde, entendida non só pola ausencia de enfermidade, senon tamén coma un equilibrio entre as esferas biolóxica, psicolóxica e social. O principal obxectivo desta profesión é lograr que as persoas acaden unha particpación plena, de tal xeito que desenvolvan un estilo de vida, independente, productivo e satisfactorio. 

No que se refire a esta intervención de hoxe en Ares, a identidade ocupacional nas persoas maiores pode verse afectada por un cambio de roles, coma esta cuestión da xubilación, ou polo impacto do proceso de envellecemento, normal ou patolóxico, que en ocasións aceta ás habilidades e patróns de desempeño. Os terapeutas ocupacionais crean oportunidades de participación en situacións da vida desexadas, explica esta profesional. 

Regaps na Área Sanitaria de Ferrol

Lembrar que, en termos xerais, a Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps) é unha organización dependente da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, da Dirección Xeral de Saúde Pública coa fin de potenciar todas aquelas estratexias locais que melloren a saúde da poboación. Entre os seus obxectivos figuran o xeral de promover estilos de vida saudables na poboación galega; e tamén establecer un nexo de unión entre os actores implicados na promoción da saúde no ámbito local.

Tamén analizar a situación de cada territorio para optimizar os recursos existentes e implementar outros que sexan necesarios; potenciar a promoción da saúde no ámbito sanitario; desenvolver as liñas estratéxicas do Plan Obesidade Zero en Galicia; ou capacitar ós axentes sociais para que se convertan en promotores da saúde.  

Estes obxectivos estanse a materializar de xeito concreto unha semana máis nesta charla incluída no boletín, Venres saudable, que chega a tódolos profesionais do Sergas cada primeiro venres de mes, e onde se aglutinan as múltiples actividades que se fan na Área neste eido da prevención e promoción. 


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde