FRAXILIDADE, ALIMENTACIÓN E EXERCICIO NO COMEDOR SÉNIOR DE FERROL, NOVA ACCIÓN DA ENFERMARÍA COMUNITARIA DA ASF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 02 2024

​As seis residentes de segundo ano de Enfermaría Familiar e Comunitaria da Área Sanitaria de Ferrol continúan a fomentar a prevención e o coidado da saúde no ámbito comunitario cunha nova iniciativa. Durante tres mañás, en tres semanas, acudiron ó comedor Sénior no Concello de Ferrol para abordar directamente, cunha vintena de persoas de entre 65 e 89, cuestións clave como a fraxilidade e a súa prevención, a alimentación e o exercicio. 

Así, o pasado martes 6 de febreiro, trataban tódalas cuestións relacionadas coa fraxilidade e a súa prevención aspecto co que xa están a traballar dende hai varias semanas cos compañeiros e compañeiras de Enfermaría da Área ferrolá. O venres 9 de febreiro, adicaban a sesión á alimentación; e o protagonista de hoxe era o exercicio físico.

No eido da alimentación, e a través de cartas de alimentos, recordaron o Método Harvard para a distribución dos alimentos no prato, onde se priorizan as verduras na metade do prato, acompañadas cun cuarto de proteína e dun cuarto de hidrato de carbono; e romperon mitos en relación a moitos alimentos como o que prohibe o consumo diario de ovos, ou a limitación absoluta do sal. Converteron unha comida como o cocido en saudable, escollendo o tipo de carne e cocción; e subliñaron a maior e mellor inxestión das proteínas máis axeitadas para manter e mellorar a masa muscular.

En modalidade taller, Tatiana Roca, Laura del Rosario, Natalia Iglesias, Paula Ramos, Marta Torres e Laura Villar explicáronlle tamén ós asistentes esta mañá a importancia de facer exercicio multicompoñente (de forza, aeróbico, e de equilibrio e flexibilidade), e baseado nun programa estudado e avalado como é o vivifrail. Cunha modalidade de taller, falaron tamén do equilibrio e do valor de reforzar e manter as habilidades con actividades adaptadas a cada persoa. 

Fraxilidade, previr para mellorar a calidade de vida 

En canto á fraxilidade, lembrar que estas futuras enfermeiras especialistas, estiveron a impartir formación dende o pasado 8 de xaneiro, e ata o 8 de febreiro, polos distintos centros de saúde da Área Sanitaria de Ferrol para previr, manexar ou intervir na fraxilidade en persoas maiores de 70 anos. Realizaron tres sesións de dúas horas en tódolos Servizos de Atención Primaria da Área ferrolá. Alí, facilitaron ferramentas validadas xa existentes, e probas de desempeño físico como test de velocidade da marcha, ou de equilibrio, para  poder cribar ás persoas maiores de 70 anos con risco de fraxilidade. Recóllense nuns dípticos elaborados por elas todas estas cuestións. Así, pásanse durante a valoración, como fixeron no comedor sénior, os algoritmos e escalas que xa existen a este respecto, como a de Barthel, e as probas de execución, tales como test de equilibrio, de velocidade da marcha, e de se levantar da cadeira. Faise tamén unha valoración do risco de caídas. 

O obxectivo é que a Enfermaría da Área ferrolá capte posibles persoas que presenten risco desa fraxilidade, entendida como o deterioro da capacidade funcional acentuada co paso dos anos. Trátase de actualizar e aportar os coñecementos sobre a fraxilidade e a instauración de futuros cribados e programas, xa que a fraxilidade é un preditor estrela para o risco de dependencia, caídas, ou posibles hospitalizacións, por exemplo. É a primeira Área Sanitaria que sistematiza esta dinámica, en colaboración co departamento de Estilos de Vida Saudables da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, e como pilotaxe previo para o posible desenvolvemento dun posible cribado a nivel autonómico.

Así, a Enfermaría poderá detectar ás persoas con fraxilidade, tanto de xeito oportunista, cando se acude a algunha consulta, como de xeito activo, procurando captar ós e ás persoas maiores de 70 anos da Área. Esta actividade do comedor sénior concreta isto, facilitando as ferramentas directamente ós usuarios e usuarias. A partir de aí, en función do resultado do cribado, prodúcese unha atención individualizada a cada persoa, con intervencións adaptadas en diferentes aspectos como, por exemplo, facilitar táboas do mencionado exercicio multicompoñente; avaliacións da situación nutricional; revisión de medicacións; e actuando sobre o risco de caídas e a soidade non desexada, entre outros. 

O que se busca con esta intervención por parte destas futuras enfermeiras especialistas, inciden, é que se integre esta abordaxe na práctica diaria e se sistematicen estes indicadores, tal e como xa sucede con outros como a tensión arterial, ou o nivel de azucre. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde