SEGUNDA XUNTANZA DA ÁREA SANITARIA DE FERROL COA UDC PARA A INVESTIGACIÓN CONXUNTA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 02 2024

​Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol e integrantes do Laboratorio de Enxeñería Mecánica da Universidade da Coruña reuníronse este xoves no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol para achegar ideas sobre os avances que se poden producir conxuntamente no eido da sanidade, e máis en concreto no ámbito da biomecánica. 

Esta é a segunda das xuntanzas xerais -a primeira foi a finais de xaneiro cos departamentos de materiais da UDC- no marco do Convenio trilateral entre a Universidade da Coruña (UDC); a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a través do Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e Deseño (CIS Ferrol); e o Servizo Galego de Saúde, a través da Área Sanitaria de Ferrol (ASF), que se asinaba o pasado setembro.

O obxectivo destas xuntanzas é colaborar para a realización de proxectos de innovación e investigación conxuntos, e este encontro materializa ese compromiso plasmado no convenio. Estas tres institucións contan con diversas temáticas de influencia, nas que poden xurdir proxectos das áreas de realidade virtual e aumentada, así como de materiais e impresión 3D, ou esta actual de biomecánica. 

Encaixar proxectos conxuntos

Estas reunións son de carácter multidisciplinar; e nesta ocasión estaban presentes enxeñeiros, fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, neurólogo, e traumatólogos. Dende o Laboratorio de Enxeñería amosáronlle ás e ós sanitarios distintos proxectos nos que xa traballaron sobre análises de marcha e de movemento, de modelado e de simulación musculoesquelética, e de sensorización biomédica. Estes profesionais fan cálculos na análise do movemento cinemático (ángulos ou velocidade, por exemplo), e do dinámico (pares articulares ou reaccións a forzas exteriores), que serven, entre outras funcionalidades, para realizar medicións e estimacións a nivel de equilibrio ou forza muscular, ou implementar sistemas de axuda ó movemento.

As e os profesionais sanitarios, coordinados pola directora de Procesos de Soporte, Rocío Vílchez e o subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da información, Javier Quiles, puideron ver este punto de partida e debater sobre futuras aplicacións nos seus ámbitos, como sistemas de apoio nos procesos de rehabilitación e fisioterapia, ou control de movemento en patoloxías con afectación ou trastornos motores, no eido da neuroloxía.

Na actualidade, están definidas no marco do convenio xa varias áreas concretas de colaboración, coma as de aplicacións de modelado 3D sobre imaxe médica, inicialmente no ámbito da docencia ou investigación; e proxectos de desenvolvemento de aplicacións de biomecánica, co Servizo de Traumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Esta é outra das xuntanzas para a consecución de máis proxectos de investigación en beneficio dos e das pacientes da Área ferrolá.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde