A UNIDADE DE SAÚDE MENTAL INFANTO XUVENIL ESTREOU HOXE NOVAS INSTALACIÓNS NO HOSPITAL NICOLÁS PEÑA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 02 2024

A Área Sanitaria de Vigo unificou as consultas externas da Unidade de Psiquiatría Infanto-xuvenil no Hospital Nicolas Peña. Así, a Unidade emprazada no hospital Alvaro Cunqueiro trasladouse ás instalacións reformadas do hospital da Avda. Camelias. O xerente da Área, Javier Puente, achegouse ata a Unidade para visitar as novas dependencias.

O servizo de admisión xa avisou a todos os pacientes citados ata o mes de maio deste cambio de emprazamento, que non supón modificación algunha do día e hora de citación.

No novo dispositivo, a unidade conta con máis capacidade, cunhas instalacións máis amplas e mellor dimensionadas para a atención destes menores. Así, dispoñen do dobre de consultas, pasando das 5 do Álvaro Cunqueiro ás 10 actuais, ademais dunha sala de terapia grupal. 

Segundo explica o xefe do servizo de Saúde Mental, Jose M. Olivares “o obxectivo desta reorganización é centralizar toda a atención psiquiátrica ambulatoria infantil e aproximala ao centro da cidade, ofertando así unha mellor accesibilidade e posibilitando unha maior continuidade asistencial, dado que no Nicolas Peña tamén está emprazado o Hospital de Día para estes pacientes”.

Maior especialización

O novo dispositivo permitiu incrementar o persoal coa incorporación dunha enfermeira especializada en saúde mental. En total, esta unidade é atendida por 4 especialistas en psiquiatría, 4 psicólogos, 1 enfermeira, 1 TCAE, 1 traballadora social e 1 administrativo. 

Esta reorganización posibilitará realizar programas especializados, con axendas médicas específicas para atender patoloxías como trastornos da conduta alimentaria ou do espectro autista, entre outras.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde