SANIDADE LÉMBRALLE Á SOCIEDADE GALEGA A NECESIDADE DE AUMENTAR AS RESERVAS DOS GRUPOS A NEGATIVO, 0 POSITIVO E AB NEGATIVO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 02 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, achegouse esta mañá para doar sangue ate a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que visita hoxe os edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro. No acto estivo acompañado pola directora de ADOS, Marisa López García. 

O departamento sanitario galego remarca o carácter xeneroso e solidario da sociedade galega e lembra a necesidade de contar entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias para permitir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos centros hospitalarios. Ao mesmo tempo,  incide en que son precisas as doazóns de todos os grupos, salientando a necesidade de aumentar, nestes momentos, as reservas de hemoderivados do A Negativo, 0 Positivo e AB Negativo.

Doar e moi sinxelo

Poden doar sangue todas as persoas entre 18 e 65 anos, cun peso superior aos 50 quilos e que non teñan padecido ou padezan enfermidades transmisibles polo sangue. Podendo realizar a doazón nos locais fixos que hai nas sete grandes cidades galegas ou nunha das dez unidades móbiles que se achegan, durante a semana, a preto de cincuenta concellos de Galicia.

Así mesmo, a Axencia de de Doazón de Órganos e Sangue lembra  que está a disposición de todos os cidadáns a súa web http://ados.sergas.gal​; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.gal; o teléfono de información gratuíto 900 100 828; e as súas páxinas en redes sociais, como forma de comunicarse con ADOS e resolver dúbidas relacionadas coa doazón.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde