MÁIS DE 40 PROFESIONAIS DA ÁREA DE SAÚDE MENTAL DO SERGAS PARTICIPAN NUN CURSO DE INTERVENCIÓN NA PREVENCIÓN DO SUICIDIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 02 2024

A sede da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo dependente da Consellería de Sanidade, acolleu na mañá de hoxe venres e na de onte xoves, dúas xornadas de traballo organizadas polo Servizo de Saúde Mental do Sergas, e na que o psiquiatra do Servizo Vasco de Saúde Jon García Hormaza, e o profesor de psicoloxía da Universidade do País Vasco, Alexander Muela, explicaron en detalle o programa SUPERA de intervención cognitivo conductual na prevención do suicidio. 

O programa SUPERA é un modelo de intervención breve (8 sesións), baseado nas probas científicas, multidisciplinar (psicoloxía, psiquiatría, enfermaría), e inspirado nas técnicas máis recentes como o modelo do profesor Craig J. Bryan da Universidade de Ohio, con quen colabora o profesor Alexander Muela.

No curso participan 40 psiquiatras, psicólogos e persoal de enfermería das unidades de prevención de suicidio e da rede de saúde mental do Sergas. Como consecuencia da boa acollida por parte dos profesionais, con máis de 90 inscritos, o curso terá unha segunda edición nos vindeiros meses. 

Cómpre remarcar que Galicia foi unhas das primeiras comunidades en definir unha folla de ruta para abordar os problemas de saúde mental, que se teñen incrementado logo da pandemia. Dita folla de ruta plasmouse no Plan de saúde mental 2020-2024, que conta cunha dotación orzamentaria de 83 millóns de euros para os catro anos, dos que 36 millóns están consignados a un aumento progresivo de persoal, ata crear 241 prazas. Na actualidade, o departamento sanitario galego xa está a traballar no Plan de Saúde Mental que vai dar continuidade ao do período 2020-2024.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde