A PILOTAXE DE TRANSPORTE SANITARIO ELÉCTRICO DO SERGAS RECOÑECIDA COMO INICIATIVA DE ÉXITO POLA HEALTH CARE WITHOUT HARM
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 02 2024
 

A pilotaxe de transporte sanitario eléctrico posto en marcha pola Xunta de Galicia na área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras vén de ser seleccionada como modelo de éxito e a replicar pola organización Health Care Without Harm.

Esta organización sen ánimo de lucro, que traballa a nivel global na procura de que a actividade dos sistemas sanitarios teñan un menor impacto no medioambiente, escolleu a implantación das primeiras ambulancias eléctricas na provincia de Ourense, como un dos 38 proxectos a promover polas administracións sanitarias internacionais.

Así, e co obxectivo común de reducir as emisións de CO2 -e acadar a súa erradicación  en 2040-, no ano 2021 a Xunta comezou a incorporar estes vehículos á frota de ambulancias da área sanitaria de Ourense, o Servizo Galego de Saúde. 

A previsión, e que coa posta en marcha diferentes programas se acade unha redución do 80% nas emisións de dióxido de carbono, ademais dun descenso do 97% no consumo de combustibles fósiles. Neste sentido, cómpre destacar que o Sergas foi o único sistema sanitario que solicitou, na última xuntanza da COP28, a necesidade de eliminar os combustibles fósiles.

Neste senso, as emisións de alcance 1 (producidas pola queima de combustibles), representan o 14% do total das emisións xeradas polos hospitais do Servizo Galego de Saúde. Porén, na actualidade o Sergas segue a traballar en reducir as emisións da súa frota de vehículos, que producen arredor de 55 toneladas de dióxido de carbono ao ano. 

Durante o ano 2023, Health Care Without Harm desenvolveu diferentes obradoiros nos que representantes de 98 organización médicas, pertencentes a 20 países distintos, expuxeron e compartiron os seus proxectos vencellados á  descarbonización e resiliencia climática.

Galicia, líder en sustentabilidade sanitaria

Cómpre destacar que o Servizo Galego de Saúde é líder internacional na promoción de estratexias de economía circular, sustentabilidade sanitaria e programas de resiliencia ao cambio climático

Nesta liña, xunto con este proxecto posto en marcha nos hospitais e centros de saúde de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o departamento sanitario Xunta de Galicia ten en marcha outros programas como é o caso do Life Resystal, que ten por obxectivo que as infraestruturas sanitarias sexan resilientes ao clima; ou Plastic Free Health Care Europe 2.0, que incide na redución de uso de plásticos nos centros hospitalarios.

Ademais, e na loita contra o cambio climático, o Sergas forma parte do proxecto Race to Zero das Nacións Unidas e é socio oficial da New European Bauhaus. 

Estratexia de Economía Circular do Sergas

A Estratexia de Economía Circular do Sergas é a folla de ruta coa que desde o sector sanitario público galego se impulsará unha transformación cultural baseada na sustentabilidade. 

Aprobada a medidos de 2023 polo Consello da Xunta, e cunha vixencia para os vindeiros sete anos, o departamento sanitario galego xa está a traballar en cinco eixos de actuación. En concreto, nos Recursos e materias primas; Residuos e pegada ambiental; Ecodeseño de procesos; Investigación, innovación e investimento responsable; e Comportamento social.

Coa implementación destas medidas posibilitase o aforro de custos, unha maior eficiencia enerxética e minguar as emisións en todas as instalacións sanitarias. 

A Estratexia inclúe diferentes medidas, como a redución na xeración de refugallos e o uso de combustibles fósiles, a construción de centros sanitarios con materiais sostibles, o Ecodeseño de procesos asistenciais, o fomento da investigación en I+D neste eido ou fomentar o consumo responsable e sostible entre pacientes, traballadores ou provedores.

Na actualidade, o Servizo Galego de Saúde xa comezou coas tarefas de difusión da súa Estratexia de Economía Circular levando a cabo, así mesmo, as primeira sesións formativas destinadas aos profesionais das sete áreas sanitarias galegas. Estes ciclos formativos estenderanse co tempo, aos usuarios e asociación de pacientes do sistema sanitario público galego.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde