UN PROXECTO DIDÁCTICO DA ATENCIÓN PRIMARIA OURENSÁ ACADA O PRIMEIRO PREMIO DO CERTAME NACIONAL DA FUNDACIÓN HUMANS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 02 2024

O proxecto de atención comunitaria “Humanizando e achegando a atención primaria aos nenos: coñece o teu centro de saúde” acadou un importante recoñecemento nacional ao conseguir o primeiro premio da Fundación Humans na categoría de procesos sociosanitarios enfocados á persoa.

O proxecto ourensán premiado, que gañou na final ao presentado polo Hospital Infanta Leonor de Madrid, xurdiu da inquietude dun grupo de profesionais co obxectivo de reducir o medo e a ansiedade dos nenos cando acoden a un centro sanitario e así establecer unha relación de confianza e converter esta experiencia en algo positivo, sendo tamén unha forma de que coñezan dunha forma divertida o traballo de todos os profesionais de atención primaria e poidan familiarizarse, así mesmo, co distinto instrumental.

Ao acto de entrega desta segunda edición dos premios da Fundación Humans, que se celebrou na Universidade Pontificia de Comillas de Madrid, acudiron a subdirectora de enfermaría de Atención Primaria, Josefa Rodríguez Araujo, a referente de saúde comunitaria da área sanitaria, Verónica Civeira Pérez, e a matrona Laura Vila.

A referente de atención comunitaria, Verónica Civeira, explicou que “por norma xeral un neno san acude unha media de catorce veces ao centro de saúde no seus dez primeiros anos de vida e, para moitos deles, esta visita supón ansiedade, nervios, estrés e medo, e para os pais e as nais incluso peor”. Esta intervención vai dirixida a nenos de entre tres e seis anos e consiste nunha visita ao centro de saúde de forma inmersiva e participativa onde coñecen, xogan e aprenden contando coa participación e colaboración de todos os profesionais.

Ata o de agora realizouse o pilotaxe deste proxecto en tres centros de saúde,  Bande, O Barco e O Carballiño, participando 170 nenos e nenas e seis colexios e estase a estender polo resto dos centros de atención primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Para Josefa Rodríguez Araujo “este premio de humanización supón un recoñecemento aos profesionais de atención primaria da nosa área sanitaria polo desenvolvemento constante de actividades comunitarias e iniciativas cun amplo carácter multidisciplinar e colaborativo, que implican a médicos, persoal de enfermería, matronas, traballadores sociais, nutricionistas, fisioterapeutas, odontólogos, hixienistas dentais, técnicos de radioloxía, persoal da limpeza ou a profesionais en formación (MIR, EIR)”.

A avaliación deste programa está resultando altamente positiva tanto para os profesionais como para os pais e as nais e, segundo o persoal de pediatría que os atende de xeito regular, a actitude dos nenos e nenas e moito máis tranquila, feliz e colaboradora cada vez que deben acudir ao seu centro de saúde.

Premio Fundación Humans

O proxecto “Coñece o teu centro de saúde” acadou este recoñecemento na categoría de humanización dos procesos sanitarios enfocados cara á persoa, onde se valoraban criterios como á multidisciplinariedade dos axentes participantes, a continuidade da atención prestada, a calidade e a seguridade, a información e a comunicación, e a dignidade e o respecto.

A Fundación Humans ten por obxectivo investigar e formar sobre as dimensións do curar, acompañar e o enfermar desde un punto de vista ancorado nos principios do humanismo sociosanitario, aglutinando a profesionais sanitarios multidisciplinares, pacientes e organizacións do ámbito sociosanitario. Este premio naceu coa vontade de estimular a participación activa de institucións e profesionais.

Nesta segunda edición recibíronse 106 traballos de organizacións, profesionais en activo e asociacións de pacientes do ámbito sanitario e sociosanitario que buscan unha atención máis humanizada.

O xurado, composto por 15 expertos de prestixio e representantes de institucións relevantes, seleccionou os proxectos gañadores de cada área temática. Entre os criterios que se tiveron en conta para emitir o seu ditame destacan a calidade, o carácter orixinal e inédito, e o grao de detalle do traballo; a relevancia, alcance e capacidade de transferencia á sociedade; e a viabilidade, beneficio e impacto do mesmo.

Relación de premiados:

1. Humanización, pacientes e participación:

Programa ConTacto. Piel con piel con bebés prematuros, 

Asociación de Padres de Niños Prematuros (APREM).

2. Procesos sociosanitarios enfocados á persoa:

Humanizando y acercando la primaria a los niños: "conoce tu centro de salud" 

Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

3. Arquitectura humanizada:

Aquí al lado

Hospital General Universitario Gregorio Marañón (Madrid)

4. Liderazgo humanizado:

Sin estructura no hay cultura. Hacia una atención humanizada con calidad y calidez  

Xerencia de Atención Integrada de Talavera de la Reina. 

5. Investigación e innovación humanizada:

“FisioAcompaña": Proyecto de Humanización en la Unidad de Rehabilitación y Fisioterapia 

Hospital Universitario Poniente

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde