A XUNTA ASINA CON ACLAD E UTACA CONVENIOS PARA O DESENVOLVEMENTO DA ASISTENCIA A PACIENTES CON TRASTORNOS RELACIONADOS CON SUBSTANCIAS ADITIVAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 02 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou hoxe dous convenios de colaboración entre o Sergas e as entidades sen ánimo de lucro ACLAD e UTACA, para a asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e outros trastornos adictivos. Por parte da Asociación cidadá de loita contra a droga (ACLAD), asinou o convenio a súa presidenta, Rosario Barreiro Ares. Por parte da asociación Unidade de tratamento do alcol e condutas adictivas (UTACA), o convenio foi asinado polo seu presidente, Ignacio Bedoya Batres. No acto estivo presente, así mesmo, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas.

Cómpre remarcar que a Xunta aprobou recentemente convenios de colaboración entre o Sergas e nove entidades sen ánimo de lucro para a asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e outros trastornos adictivos, até acadar os 7.764.100 euros. Deste xeito, o Executivo galego incrementará este ano en máis de medio millón de euros o investimento dos convenios que o departamento sanitario galego mantén para o desenvolvemento de programas de asistencia sanitaria especializada desde un enfoque biopsicosocial.

En concreto, a Xunta destinará ao convenio coa Asociación Unidade de Tratamento do Alcol e Condutas Adictivas (UTACA), unha partida de 244.130 euros, e á Asociación Cidadá de Loita contra a Droga da Coruña (ACLAD) 2.029.228 euros. 

Ao longo do ano 2023, foron asistidas ao abeiro do convenio entre o Sergas e UTACA un total de 1.004 persoas beneficiarias, dos que 690 son homes e 314 mulleres. Polo que atinxe ao convenio do Sergas con ACLAD, ao longo do pasado ano foron asistidas un total de 1.600 persoas, 1.296 homes e 304 mulleres. 

Na actualidade, as adiccións son consideradas unha enfermidade que require dun tratamento multidisciplinar e personalizado. Así, ante calquera problema relacionado coas mesmas, aconséllase acudir a un centro de tratamento específico directamente, ou ben, solicitar axuda aos profesionais de atención primaria, para que poidan avaliar cada un dos casos, e derivalos aos centros que procedan.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde