A XUNTA ASINA CON ALBORADA E ASVIDAL CONVENIOS PARA O DESENVOLVEMENTO DA ASISTENCIA A PACIENTES CON TRASTORNOS RELACIONADOS CON SUBSTANCIAS ADITIVAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 02 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou onte dous convenios de colaboración entre o Sergas e as entidades sen ánimo de lucro Asociación cidadá de loita contra a droga (ALBORADA) e a Asociación viguesa de alcoholoxía (ASVIDAL), para a asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e outros trastornos adictivos. Por parte de ALBORADA, asinou o convenio o seu presidente, José Ignacio Jiménez Pereira. Por parte de ASVIDAL, o convenio foi asinado polo seu presidente, Manuel Pino Raso. No acto estiveron presentes, así mesmo, a delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, e a subdirectora xeral de Atención Primaria do Sergas, Sinda Blanco.

Cómpre remarcar que a Xunta aprobou recentemente convenios de colaboración entre o Sergas e nove entidades sen ánimo de lucro para a asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e outros trastornos adictivos, até acadar os 7.764.100 euros. Deste xeito, o Executivo galego incrementará este ano en máis de medio millón de euros o investimento dos convenios que o departamento sanitario galego mantén para o desenvolvemento de programas de asistencia sanitaria especializada desde un enfoque biopsicosocial.

En concreto, a Xunta destinará ao convenio con ALBORADA, unha partida de 1.807.016 euros, e a ASVIDAL 251.415 euros. Ao longo do ano 2023, foron asistidas ao abeiro do convenio entre o Sergas e ALBORADA un total de 1.036 persoas beneficiarias, dos que 804 son homes e 232 mulleres. Polo que atinxe ao convenio do Sergas con ASVIDAL, ao longo do pasado ano foron asistidas un total de 579 persoas, 397 homes e 182 mulleres. 

Na actualidade, as adiccións son consideradas unha enfermidade que require dun tratamento multidisciplinar e personalizado. Así, ante calquera problema relacionado coas mesmas, aconséllase acudir a un centro de tratamento específico directamente, ou ben, solicitar axuda aos profesionais de atención primaria, para que poidan avaliar cada un dos casos, e derivalos aos centros que procedan.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde