COMESAÑA DESTACA A IMPORTANCIA DA IMAXE CARDÍACA NA INVESTIGACIÓN DAS ENFERMIDADES CARDIOVASCULARES E OS INVESTIMENTOS DO SERGAS EN EQUIPAMENTO DIAGNÓSTICO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 02 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, interveu esta tarde no acto de inauguración do 42 Congreso da Asociación de Imaxe Cardíaca da Sociedade Española de Cardioloxía. Un acto, no que destacou a importancia desta tecnoloxía á hora de acadar uns diagnósticos máis precoces e tamén para avanzar na investigación das enfermidades cardiovasculares.

A Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela acolleu un evento no que Comesaña salientou os investimentos que a Xunta de Galicia está a facer na dotación de novo equipamento para os hospitais da rede sanitaria pública galega no eido das enfermidades coronarias.

Así, lembrou a adxudicación -por preto de 6 millóns de euros- das 7 novas salas de hemodinámica para os hospitais galegos; a adquisición de 9 novos ecocardiógrafos por preto dun millón de euros; ou a compra de tomografías computerizadas e gammacámaras. No seu conxunto, o investimento neste equipamento superou os 49 millóns de euros.

Durante a súa intervención, o titular da carteira sanitaria galega puxo tamén en valor os diferentes programas e medidas que a Administración pública levou a cabo no últimos anos para abordar a principal causa de morte no mundo: as cardiopatías e as enfermidades coronarias.

En concreto, destacou a relevancia do Programa galego de atención do infarto agudo de miocardio (PROGALIAM), así como o Rexistro Galego do Infarto Agudo de Miocardio (REGALIAM), unhas medidas que permiten aos profesionais galegos planificar e coordinar os servizos asistenciais que se lle presta a poboación que sofre algunha destas doenzas.

Neste senso, Comesaña agradeceu o labor do conxunto de profesionais que traballan nos servizos de Cardioloxía do Sergas, e que posibilitan que Galicia conte cun dos mellores equipos de especialistas deste ámbito no Sistema Nacional de Saúde.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde