A XUNTA ASINA COA FUNDACIÓN MONTE DO GOZO UN CONVENIO PARA O DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA TERAPÉUTICO PROXECTO HOME
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 03 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, asinou hoxe un convenio de colaboración entre o Sergas e a Fundación Monte do Gozo, para o desenvolvemento do programa terapéutico educativo “Proxecto Home” de atención integral de persoas en risco e con trastornos adictivos e do programa de tratamento e rehabilitación, en réxime de comunidade terapéutica, da dependencia alcohólica. Por parte da Fundación, asinou o convenio a súa directora Ofelia Debén.

No acto de hoxe, que tivo lugar na comunidade terapéutica Proxecto Home do Val do Dubra, estiveron presentes, así mesmo, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, o presidente do Padroado da Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez Crespo, así como o presidente nacional de Proxecto Home, Manuel Muiños. Na visita ás instalacións da comunidade terapéutica, o conselleiro saudou ao equipo de profesionais asistentes a unha xornada sobre a función de trastornos da personalidade límite nos comportamentos adictivos.  

En concreto, a Xunta destinará ao convenio coa Fundación Monte do Gozo unha partida de 1.196.770 euros. Ao longo do ano 2023, foron asistidas ao abeiro deste convenio un total de 511 persoas beneficiarias, dos que 434 son homes e 77 mulleres. 

O Programa terapéutico Proxecto Home inclúe a prestación de servizos sanitario-asistenciais a persoas con problemas derivados do consumo de drogas, alcohol ou condutas de xogo patolóxico, a través de diferentes subprogramas (adicción aos opiáceos, aos psicoestimulantes, ludopatías, etc.).

Tratamento multidisciplinar e personalizado

Na actualidade, as adiccións son consideradas unha enfermidade que require dun tratamento multidisciplinar e personalizado. Así, ante calquera problema relacionado coas mesmas, aconséllase acudir a un centro de tratamento específico directamente, ou ben, solicitar axuda aos profesionais de atención primaria, para que poidan avaliar cada un dos casos, e derivalos aos centros que procedan.

Ao respecto, cómpre remarcar que a Xunta aprobou recentemente convenios de colaboración entre o Sergas e nove entidades sen ánimo de lucro para a asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e outros trastornos adictivos, até acadar os 7.764.100 euros. Deste xeito, o Executivo galego incrementará este ano en máis de medio millón de euros o investimento dos convenios que o departamento sanitario galego mantén para o desenvolvemento de programas de asistencia sanitaria especializada desde un enfoque biopsicosocial.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde