​A SANIDADE PÚBLICA GALEGA RECOÑECIDA CON DÚAS NOVAS UNIDADES DE REFERENCIA PARA TODO O TERRITORIO ESPAÑOL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 03 2024
 

O Servizo Galego de Saúde vén de ser recoñecido polo Ministerio de Sanidade con dous novos CSUR (Centros, Servizos e Unidades de Referencia) para o conxunto de pacientes do Sistema Nacional de Saúde.

En concreto, designou ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) como centro de referencia nacional para o tratamento dos Tumores renais con afectación vascular (en adultos) e, tamén, no que atinxe ás Enfermidades glomerulares (en adultos).

Durante o ano 2023, o Hospital Universitario da Coruña atendeu un total de 12 pacientes con tumores renais e afectación vascular da vea cava. Ademais, o CHUAC rexistrou preto de 1.200 consultas vencelladas ás enfermidades glomerulares complexas, e realizou  seguimento a 815 pacientes con doenzas desta tipoloxía.

Desde 2008, o Ministerio de Sanidade designa os centros, servizos e unidades que son de referencia para o conxunto do sistema sanitario nacional, de acordo a súa capacidade asistencial, equipamento, nivel de especialización, profesionais e resultados de actividade, entre outros criterios. 

Cómpre destacar que, con estas dúas novas designacións, o Servizo Galego de Saúde amplía ata 16 o número de centros, servizos e unidades que son referencia para o conxunto do sistema sanitario público español. 

Neste senso, os Complexos Hospitalarios Universitarios da Coruña e Santiago de Compostela destacan como centros de máximo nivel ao acoller 10 e 6 (CSUR), respectivamente. 

Así,  durante o ano 2022, os seus servizos e unidades de referencia do Sergas realizaron un total de 142 atencións a pacientes de fóra de Galicia, unha cifra que ascende até as 188 atencións -datos provisionais- en 2023. 

16 servizos do Sergas, referencia para toda España

No ano 2008, a Unidade de tumores intraoculares de adulto (melanovas uveales) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago foi a primeira en ser recoñecida como CSUR dentro da rede sanitaria pública galega. Así, e xunto con esta unidade, o Complexo hospitalario da capital galega acolle outros cinco CSUR nas súas instalacións. En concreto, os de Reconstrución da superficie ocular complexa -Queratopróteses-; Epilepsia refractaria; Cirurxía dos trastornos do movemento; Enfermidades metabólicas conxénitas e Esclerose múltiple (en adultos).

Pola súa banda, o CHUAC alberga un total de 10 CSUR. Nomeadamente, a Unidade de Queimados críticos; Transplante pulmonar (en adultos); Transplante de páncreas (en adultos); Ortopedia infantil; Cirurxía reparadora da válvula mitral; Cardiopatías familiares (en nenos e adultos); Transplante renal cruzado (en adultos);  Doante vivo para transplante renal cruzado; Tumores renais con afectación vascular (en adultos) e Enfermidades glomerulares (en adultos).

O obxectivo dos CSUR é garantir a equidade no acceso e unha atención sanitaria de calidade, segura e eficiente ás persoas con patoloxías complexas ou que precisan de coidados moi especializados. 

Porén, ademais da atención que estes hospitais prestan á poboación de cadansúa área sanitaria, tamén actúan como centros de referencia para outros complexos hospitalarios, no que atinxe a procedementos de alta complexidade ou a intervencións superespecializadas que non poden ser cubertas asistencialmente polos mesmos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde